sábado, 10 de marzo de 2018

JD Cubillo, pintor da terra







JD Cubillo (Fotos: Luís Míguez)
J. D. Cubillo expón na sala do Colexio de Médicos de A Coruña (R/ Riego de Agua, 29, 1º)  trinta cadros baixo o título “Cores da terra”, na que recolle a obra pictórica realizada nos últimos tres anos. A exposición estará aberta ata o día 26 de marzo.

Jesús Cubillo, que chegou a Galicia desde Salamanca hai medio século, é xa un galego de adopción; exerceu a súa profesión de médico psiquiatra ata a xubilación en 2011,  mentres desenvolvía unha grande paixón pola pintura, oficio ao que dedica agora a maior parte dos seus días. 

Inverno



Iniciouse na pintura desde mozo, participou en exposicións colectivas e xa no ano 1981 fixo unha individual na Coruña; pero hai dez anos deu comezo a un proxecto moi interesante iniciado cunha exposición en Portas Ártabras baixo o título  “Naturezas mortas, construcións e paisaxes”, con 30 cadros figurativos nos que había  materiais de laboratorio, matraces, crisois, edificios industriais e minas abandonadas. En 2012 fixo outra exposición con temática similar, e en 2015 presentou no Casino de A Coruña unha colección de cadros que representaron unha evolución moi importante na súa obra. Con “As cores do ferro” deixaba atrás a pintura figurativa e introduciuse no terreo do abstracto, facendo énfase na cor e na textura, co emprego de cores ocres e coa utilización de materiais “non artísticos”: madeiras, ferros, arames, parafusos, moedas vellas.
Notas desde a Terra

Na presente exposición Cubillo da un paso máis na súa evolución como creador. Na última década o pintor inicia unha traxectoria marcada por dúas coordenadas: a transición da pintura figurativa a un territorio máis abstracto e poético (os cadros teñen títulos: Campos minados, Universos paralelos, Terras altas, A forza das mareas, Tarde violeta de tormenta...), e tamén polo salto do óleo e o acrílico ata realizar obras a medio camiño entre a pintura e a escultura: os seus cadros foron adquirindo relevo e forma coa utilización de materiais recollidos nos seus paseos pola rúa, polos montes e nas frecuentes visitas a minas antigas. O artista recolle materiais de refugallo e devólveos á vida transformados en arte. 

Ferro vermello nunha paisaxe neosuprematista


Se na anterior exposición predominaban as cores ocres e terrosas, nesta ocasión utiliza cores máis vivas, que aportan luz a algúns dos cadros. Cubillo está construíndo unha lenta traxectoria artística, moi sólida e coherente. Hai unha busca permanente da austeridade. E hai tamén un certo carácter lúdico nesta obra recente; imaxino ao autor fronte ao cadro seleccionando arames e madeiras coma quen constrúe un puzle. A pesar da gran evolución realizada o artista posúe un mundo propio e presenta unha obra moi recoñecible en calquera das súas etapas.

miércoles, 14 de febrero de 2018

O goberno do PP lexisla para favorecer os intereses privados na sanidade


Praza Pública
Galicia Confidencial

A Sanidade Pública galega está sendo atacada desde o propio poder. Hai unha percepción xeralizada de que o sistema público está en risco polas decisións políticas que adopta o Partido Popular, que utiliza a maioría absoluta no Parlamento para lexislar a favor dos intereses privados e contra dos dereitos cidadáns. Actúan como o caruncho: destrúen desde dentro. Pero no PP son expertos en dicir unha cousa e facer a contraria. Así sucede co Decreto de tempos máximos de espera, aprobado pola Xunta en setembro de 2017, que establece un límite temporal para a atención sanitaria hospitalaria (60 días para intervencións cirúrxicas e 45 para consultas externas e probas diagnósticas). Estes límites son totalmente inalcanzables no momento actual, dada a situación catastrófica das listas de espera.

O goberno publicitou esta norma como un avance para a sanidade pública e unha garantía para os pacientes. Pero non é así senon todo o contrario. Por se houbera algunha dúbida a Instrucción 1/2018 desenvolve o procedemento de derivación a centros privados desde os servizos de admision do Sergas e di textualmente (páxina 5): “Se o paciente non manifesta a súa decision no prazo de sete días ou rexeita o centro alternativo ofertado, perderá a garantía prevista para este proceso. Nese caso pecharase o expediente garantido no centro prescriptor co motivo rexeite oferta de resolución noutro centro. A condición do expediente garantido será a de expediente pechado e perda da garantía”. Isto quere decir que aqueles pacientes que non acepten a derivación a un centro privado perderán o dereito a ser atendidos no prazo establecido no Decreto. Serán castigados a esperar sen límite. Non se trata, polo tanto, de garantir o dereito de atención aos cidadáns; este Decreto e a Instrucción que o desenvolve son un mecanismo impúdico para garantir o negocio dos centros privados que serán os receptores masivos de derivacións, ao tempo que os pacientes que rexeiten esta derivación quedarán privados de todo dereito.

Do mesmo xeito, estes últimos días (sen facer caso do clamor de milleiros de persoas que se manifestaron en Santiago o primeiro domingo de febreiro convocados por SOS Sanidade Pública) o PP  levou ao Parlamento a contrarreforma da Lei de Saúde de Galicia. O novo texto modifica sustancialmente a lei de 2008 (impulsada polo goberno progresista de PSdeG e BNG), reduce as áreas sanitarias de once a sete e, ademáis,  establece medidas que protexen os intereses da sanidade privada e das multinacionais tecnolóxicas.

 
Trátase dun paso máis, moi importante,  no desmantelamento dos servizos públicos -despois de anulación das xerencias de Atención Primaria e da creación das estruturas de xestión integrada-, e na perspectiva de impoñer as Áreas de Xestión Clínica que foron adiadas no seu momento pola negativa dos profesionais a aceptar a imposición. Esa medida, que o goberno do PP segue pensado en aplicar, significaría a privatización do núcleo duro da sanidade pública: a propia actividade asistencial.

O novo texto da Lei de Saúde, que inicia agora o trámite parlamentario, establece, entre outras medidas, a posibilidade de asinar contratos e convenios con entidades públicas e privadas para desenvolver produtos ou tecnoloxías sanitarias.  Dese xeito poñen os orzamentos, os centros públicos e mesmo os doentes, ao servizo dos intereses das empresas privadas que dirixirán e controlarán as liñas de investigación e mesmo poderán ter acceso aos datos dos usuarios. Neste goberno están actuando como liquidadores dos servizos públicos. Cómpre deter esta actividade destrutora, que poderá ter moi severas consecuencias nun próximo futuro.

martes, 16 de enero de 2018

A vida exemplar de Janusz Korczak






Janusz Korczak é un personaxe de gran relevancia internacional que, sen embargo, é pouco coñecido neste país. O meu amigo Antonio Pombo Sánchez, pediatra compostelán, ven de publicar un fermoso libro (La derrota de la razón, Xoroi Edicións, 2017), co que tenta recuperar para a memoria colectiva a figura deste educador e médico que tivo, durante a súa traxectoria vital, unha conducta rigorosamente exemplar entregada á atención da infancia desprotexida.  

Cando xa era un pediatra prestixioso abandonou o seu traballo no hospital e a atención aos fillos das clases altas de Varsovia para dedicarse plenamente a atender aos nenos desamparados. Fundou e dirixiu dous orfanatos (Dom Sierot en 1912 e Nasz Dom en 1919), que acolleron a centenares de nenos xudeus e polacos, rescatados dunha vida de abandono e mendicidade. A esta tarefa dedicou a vida enteira ata a súa morte en 1942. 


 
O momento final da súa vida foi un acto de gran heroísmo, reflexado na literatura ('El pianista', de Wladyslaw Szpilman), no cine ("Korczak", de Andrzej Wajda), e no teatro ("Último tren a Treblinka", dirixido por Mireia Gabilondo). O 5 de agosto de 1942 os nazis (que invadiron Polonia no 1939 e crearon o gueto de Varsovia ao ano seguinte) obrigaron aos douscentos nenos que quedaban no orfanato a subir a un tren que os levaría á morte no campo de exterminio de Treblinka (“tren de morte, anden de morte” escribiu o poeta Jaime Vándor). Korczak, coa saúde xa moi deteriorada naqueles momentos, non abandonou aos seus protexidos: púxose á fronte da comitiva e acompañou aos nenos (que pensaban que ían de excursión) a unha viaxe que el xa sabía que os levaba camiño da morte.

Este acto final é a conclusión lóxica dunha vida  de coherencia implacable gobernada por un severo compromiso ético. Betty J. Lifton (The King of Children: A Biography of Janusz Korczak, 1988) escribiu a este respecto: “A decisión de abandonar a medicina para ocuparse dos orfos pobres, a decisión de vivir no gueto con eles, a de ir a Treblinka cos nenos: estaba na súa natureza. Korczak era así”. É moi destacable esta decisión final da súa vida; non abandonar aos nenos e acompañalos ao terrible destino ten un elevado valor simbólico e moral. Pero, aínda así, o máis relevante é a coherencia irredutible dunha vida enteira. El mesmo escribiu, de xeito premonitorio: “O máis fácil é morrer por unha idea (...). O peito furado polas balas, un regueiro de sangue...e un cadaleito cheo de flores. O máis difícil é vivir por unha idea, día tras día, ano tras ano”.

Naqueles tempos de Holocausto,  barbarie e desolación, a vida de Korczak é unha presenza luminosa que debemos lembrar. Para iso sirve o libro de Antonio Pombo: para non esquecer que o Mal está sempre presente na historia da Humanidade, e cómpre ter referentes aos que seguir para facerlle fronte. Os campos de refuxiados que acollen a millóns de persoas fuxitivas dos seus países de orixe teñen unha enorme semellanza cos campos de concentración. En pleno século XXI son os países occidentais os que poñen barreiras, converten a vida de tanta xente nun horizonte sen saída e miran para outro lado. Hai que estar alerta, porque as desgracias do pasado poden volver a repetirse, e non o debemos consentir.