jueves, 19 de mayo de 2016

Galicia, un exemplo do malo e do bo para a Sanidade pública

Nueva Tribuna


Prólogo do libro “A comercialización da saúde”, editado por Laiovento (2016)

Marciano Sánchez-Bayle

Desde hai anos Galicia e Valencia convertéronse no banco de probas das políticas neoliberais do PP, que introduciron nestas Comunidades Autónomas (CCAA) as principais novidades na privatización dos servizos sanitarios que máis tarde tentaron estender ao resto do Estado.

O primeiro paso foi a constitución da Fundación do Hospital de Verín en 1995, cando Romay Beccaría era o conselleiro de Sanidade e Núñez Feijoo a súa man dereita, pois ocupaba a secretaría xeral da Consellería. Este modelo estendérono a outros tres hospitais comarcais de Galicia en breve tempo e o propio Romay tentou estendelo ao resto do Estado cando foi nomeado Ministro de Sanidade en 1996. Implantaron o modelo das fundacións sanitarias en Baleares, Madrid e A Rioxa, onde aínda perviven. Outro paso importante no camiño privatizador foi a creación de Medtec, en 1996, constituída como unha sociedade anónima de capital público que pretendía xestionar con criterios mercantís a alta tecnoloxía da CCAA. Posteriormente (2008) foi reconvertida: pasou a chamarse Galaria e ampliou os seus cometidos ao asumir tamén funcións de consultora técnica, provisión de equipamentos de alta tecnoloxía e apoio loxístico. 

Desde entonces ampliaron de forma notable a política privatizadora, chegando a abarcar practicamente todos os aspectos que teñen algunha relación coa atención sanitaria: provisión, xestión, planificación, tecnoloxía, formación, informática, etc. Non vou detallar todos estes aspectos que están reflectidos nas páxinas do libro “A comercialización da saúde”.


Todo este impulso privatizador ven rematar co esperpento do novo hospital de Vigo que, se vale de algo, sirve de exemplo práctico dos desastrosos resultados da política privatizadora, que provoca máis custes, máis demoras, unhas instalacións lamentables e un desastre asistencial.
Comecei por relatar o realmente malo no que se refire á Sanidade pública en Galicia. Pero creo que o bo é moito máis destacable porque en Galicia tense fraguado un amplísimo movemento social e profesional en defensa da Sanidade pública e contra das privatizacións que ten amosado unha grande capacidade mobilizadora con éxitos moi notables.

Coido que paga a pena deterse a examinar o que se ten feito. En primeiro lugar logrouse articular unha alianza permanente de organizacións sociais, profesionais, sindicais, políticas, concellos, etc., dunha composición variable en cada sitio concreto, en torno á defensa da Sanidade. As plataformas en defensa da Sanidade Pública estiveron inicialmente focalizadas en problemas moi concretos (loita contra das fundacións e Medtec), mais posteriormente estendéronse por toda Galicia e tomaron o nome de SOS Sanidade Pública, que acolle a máis de vinte plataformas que cobren todo o territorio de que son un exemplo de como é posible articular un acordo de maioría social, sen sectarismos, respectando a pluralidade das organizacións políticas, sociais e sindicais arredor de cuestións concretas e que son fundamentais para a vida social.


A segunda cuestión que me interesa destacar ten que ver co traballo de fondo, a elaboración de análises en profundidade da situación sanitaria e de propostas concretas para afrontar os problemas da sanidade. Podemos citar o traballo “Revisan 2000: Informe acerca dos recursos sanitarios da Área de Vigo”, a proposta presentada pola plataforma de Vigo e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) respecto ao novo hospital de Vigo, elaborada xa no ano 2001 e que, por desgraza, foi desatendida pola Xunta de Núñez Feijoo cos perversos resultados que hoxe coñecemos. 

Neste aspecto tamén convén resaltar as publicacións científicas analizando a situación que están recollidas en Salud 2000, en Cadernos de Atención Primaria e que mesmo tiveron repercusión internacional como na publicación no Journal of Public Health Policy en 2001. A AGDSP fixo as únicas avaliacións independentes realizadas sobre o funcionamento das fundacións (publicadas por Gaceta Sanitaria ou Fundación Alternativas). Tamén podemos destacar a publicación de varios libros como “A saúde como negocio” (2012) que tivo continuidade en castelán  con “La salud como negocio” (2014) e agora segue con “A comercialización da saúde” (2016). Tamén podemos destacar a participación de autores galegos noutros libros como “La contrarreforma sanitaria” e “La Sanidad no se vende”. En fin, que o labor de divulgación, de análises e de propostas viñeron da man co labor organizativo e de mobilización social e profesional.



En terceiro lugar quero destacar a gran capacidade mobilizadora en defensa da Sanidade pública demostrada polas plataformas. Desgraciadamente este aspecto non se ve reflectido nos medios de comunicación de fóra de Galicia. A última gran demostración de forza foi a masiva manifestación celebrada en Vigo o tres de setembro de 2015 na que decenas de miles de persoas expresaron o rexeitamento unánime da política privatizadora e cómplice (coas tramas das construtoras e financeiras) levada a cabo pola Xunta de Galicia. Pero non foi esta sola: nos últimos vintecinco anos téñense realizado decenas de mobilizacións por toda Galicia, demostrando unha enorme perseveranza e unha gran capacidade para administrar os tempos, o que é un elemento importante da razón do seu éxito.

Unha cuarta cuestión que me interesa resaltar é a capacidade de traballo demostrada e a habilidade para utilizar todos os medios posibles neste labor de concienciación e mobilización. Podemos citar como exemplo a tramitación de iniciativas lexislativas populares ou a presentación dun recurso ante a Unión Europea sobre as irregularidades na concesión do novo hospital de Vigo.

Quero facer unha lectura positiva do acontecido nas últimas décadas. Por iso deixo constancia de que todo este labor ten dado algúns froitos, ademais de ter logrado que cidadáns e profesionais apoien de maneira maioritaria a Sanidade pública e rexeiten as privatizacións. Tamén conseguimos que as fundacións sanitarias fosen rescatadas e reintegradas á rede do Sergas, e logramos paralizar, polo momento, a implantación das Unidades de Xestión Clínica (UXC) nos hospitais públicos. Houbo outros moitos logros de rango menor que, de todos xeitos, son moi importantes pois representan melloras concretas non funcionamento dos servizos sanitarios. 


Pero o importante é reverter esta tendencia e blindar o sistema sanitario público como un servizo esencial para a cidadanía. Para iso é imprescindible cambiar o goberno, expulsando aos que son os responsables do seu deterioro e privatización. Os cidadáns galegos teñen unha oportunidade nos próximos meses, na convocatoria electoral que se vai celebrar. Pero non debemos conformarnos con iso, pois é precisa unha constante labor de concienciación e presión da cidadanía e dos profesionais para garantir unha aposta efectiva dos gobernos a favor da Sanidade Pública.

Este libro analiza con detalle a situación a que se chegou co desastre do novo hospital de Vigo e sitúa este relato no contexto galego, estatal e internacional. Os seus autores son persoas con gran compromiso social e recoñecidos coñecementos e experiencia sobre o tema. Tamén aportan e propoñen alternativas para dar saída á problemática creada con este proxecto cheo de irregularidades. É un libro excelente que nos incita a todos a seguir loitando e traballando polo dereito á saúde e para que os intereses do 99% da poboación prevalezan sobre os das multinacionais, dos especuladores financeiros e das numerosas tramas que queren facer negocio e lucrarse de forma indecente a expensas dos orzamentos públicos e mesmo poñendo en risco a continuidade do actual sistema sanitario. A súa lectura e as recomendacións que recolle poden ser proveitosas para a nosa saúde e a de todos, mais tamén para a saúde democrática da sociedade na que vivimos.

Marciano Sánchez-Bayle, pediatra e fundador da “Federacion de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública” (FADSP).
Madrid, marzo de 2016.

Pablo Vaamonde, Hixinio Beiras, Marciano Sánchez-Bayle, Manuel Martín

jueves, 12 de mayo de 2016

ENTREVISTA EN PRAZA PÚBLICA




"Entregaron a mans privadas as partes máis sensibles e importantes do sistema sanitario"


Praza Pública

"Está claro que o principal obxectivo do actual goberno da Xunta é desmantelar a Sanidade Pública galega. Esta privatización, realizada con présa pero coa maior cautela, deixa unha severa hipoteca para o país e os gobernos futuros, que deberán asumir o compromiso coas empresas ás que lle adxudicaron concesións a longo prazo. Esta forma de actuar non é inocente e responde a unha estratexia, que executan con todo rigor. É necesario desaloxar ao PP do goberno da Xunta para deter esta demolición planificada dos servizos públicos". Así falan o voceiro de SOS Sanidade Pública e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, Manuel Martín, e o exdirector xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Pablo Vaamonde, nun dos artigos recollidos no libro A comercialización da saúde. O hospital Álvaro Cunqueiro: a grande estafa, que vén de editar Laiovento. Os dous responderon as preguntas de Praza por correo electrónico en vésperas da manifestación pola sanidade pública deste 12 de maio en Vigo.

Manuel Martín, Pablo Vaamonde
O libro denuncia que o obxectivo do goberno de Rajoy é conseguir que a saúde sexa un negocio e non un dereito. Proba diso sería, por exemplo, o RDL que volve a tempos preconstitucionais ao excluír do sistema ás persoas non "aseguradas". Que outros argumentos poden engadirse para soster esa hipótese do libro?
O RDL 16/2012 é un tremendo salto atrás na historia. É un retorno a un pasado de desprotección e desamparo da cidadanía. Representa a suspensión dun dereito que todos considerabamos consolidado. A perda é incomensurable, porque o dereito á atención sanitaria “é unha das conquistas máis importantes da 2ª metade do século XX, un ben público equiparable ao dereito ao voto, á educación ou a ter unha pensión” (Joan Benach). A sustracción deste dereito vai en contra do principio de “prohibición de retroceso social”: nas democracias modernas as autoridades teñen a obriga de actuar para que os dereitos consolidados non se perdan. Este goberno actúa en sentido contrario: este RDL significa unha auténtica contrarreforma sanitaria.

A contestación social polas deficiencias do Álvaro Cunqueiro (unhas 200.000 persoas manifestándose en Vigo), parece mostrar que o grao de concienciación e mobilización por este tema é elevado. Marciano Sánchez salienta, no seu artigo no libro, a alianza de organizacións sociais formada arredor da defensa da sanidade pública. Esa alianza mantense forte neste momento? Foi unha das claves da mobilización de Vigo?
Houbo un punto culminante nesta mobilización que foi a manifestación de setembro de 2015, cando saíron ás rúas de Vigo unhas 200.000 persoas. Pero non foi o único momento de expresión da protesta. Os profesionais, os doentes e familiares, e os veciños dos barrios afectados polo abandono dos antigos edificios sanitarios continúan actuando en defensa dos seus intereses e dunha sanidade cen por cen pública en Vigo e comarca. Esta suma de enerxías en defensa do público é o que sustentou tamén o éxito da Marea Branca en Madrid -que conseguiu paralizar a masiva privatización proxectada polo goberno do PP-, e noutras xeografías do Estado. A poboación ten, cada vez máis, unha profunda convicción e unha posición firme na defensa dos servizos públicos.
"A poboación ten, cada vez máis, unha profunda convicción e unha posición firme na defensa dos servizos públicos"
María Luísa Lores denuncia no seu artigo as conexións entre coñecidos políticos e empresas que se benefician da privatización da sanidade. Que tipo de empresas se benefician do proceso?
No entramado que se move arredor dos centros sanitarios públicos hai tramas de todo tipo, conflitos de interese manifestos e portas xiratorias que funcionan con todo descaro. Buscan, con distintas estratexias pero co mesmo fin, facerse co maior bocado posible dos orzamentos sanitarios (que representan o 30-40% dos orzamentos das CCAA). Desde as multinacionais farmacéuticas e as grandes empresas da tecnoloxía sanitaria ata as empresas de catering ou de seguridade. Os lobbies, os grupos de presión, as conexións co poder político: todo vale para facerse cunha parte do pastel. Neste capítulo do libro cítanse numerosos casos de empresas e persoas implicadas neste xogo lucrativo.

España ocupa o segundo posto mundial en consumo de medicamentos e o noveno en tecnoloxía, explica M.L. Lores.  E a débeda do Sergas é, sobre todo, coa industria farmacéutica e de tecnoloxía, precisamente (40% da débeda sanitaria a primeira e 33% a segunda). Manuel Martín explica que esta industria impón as súas innovacións e dispara o prezo dos seus produtos (por exemplo, os medicamentos contra a Hepatite C, do laboratorio Gilead, relacionado con membros do PP). De que maneira acadou esa industria esa posición de privilexio para poder intervir así no mercado?
Os mecanismos de presión e os métodos de sedución utilizados pola industria para fomentar o consumo de fármacos -e o abuso de probas diagnósticas- é múltiple e diverso. A iatroxenia provocada por estas prácticas fai máis dano que beneficio. A publicidade indirecta nos medios, o control dos comités de expertos e dos organismos consultores e asesores (mesmo da OMS), a infiltración -e o financiamento- das asociacións de enfermos e afectados, a complicidade dos organismos públicos: todo vale con tal de mellorar a conta de resultados. Hai un libro de Peter Gotzsche, Medicamentos que matan y crimen organizado, que describe polo miúdo estas prácticas. En Galicia, e no resto do Estado, hai unha evidente complicidade dos poderes públicos con estes grandes consorcios, e as “portas xiratorias” funcionan sen pudor (Lamela, Guemes...).
"En Galicia, e no resto do Estado, hai unha evidente complicidade dos poderes públicos con estes grandes consorcios, e as “portas xiratorias” funcionan sen pudor (Lamela, Guemes...)"
Os recortes en sanidade (do 25% respecto do ano pasado), xustifícanse apelando á "crise". Mais, segundo comentan varios artigos do libro, nin o copago de medicamentos, nin a exclusión de enfermos da sanidade (inmigrantes sen papeis, persoas que vivan no estranxeiro máis de tres meses...), -ademais de ser socialmente inxustos- lograron aforros significativos nas contas da sanidade. Cal é entón o obxectivo destes recortes?

Manuel Martín, María Luísa Lores, Pablo Vaamonde
A estratexia parece evidente. Trátase de precarizar e deteriorar progresivamente os servizos públicos (menos orzamento, reducción de persoal, deterioro das condicións laborais, etc) mentres se conceden cada vez máis parcelas de actividade a hospitais concertados e a empresas externas. Mesmo se fixeron campañas –nun determinado medio de información- para degradar a imaxe dos empregados públicos. A finalidade de todo isto non é mellorar a calidade da atención nin aumentar a eficiencia, tal como argumentan, senón xerar espazos de negocio a expensas do diñeiro público. Na primeira lexislatura Núñez Feijoo dixo que se podería “externalizar” todo en sanidade menos a “bata branca”. Na segunda xa puxo enriba da mesa o proxecto das Unidades de Xestión Clínica –en stand by polo momento, a causa da forte oposición dos profesionais-, que teñen por obxecto “privatizar” o núcleo duro da actividade sanitaria.
"A estratexia é evidente. Trátase de precarizar e deteriorar progresivamente os servizos públicos mentres se conceden cada vez máis parcelas de actividade a hospitais concertados e a empresas externas"
Feijoo cambiou o modelo de financiamento público previsto para o hospital de Vigo por unha fórmula de colaboración público-privada que se asignou a unha unión de empresas formada basicamente por "bancos arruinados e construtoras en bancarrota". Despois o control da execución do contrato foi asignado a unha empresa creada tres meses antes por unha persoa relacionada co PP. Esta empresa redactou o proxecto definitivo, aforrándolle 30 millóns á concesionaria, sinala Manuel Martín no seu artigo. Cales foron as consecuencias para os usuarios do hospital deste aforro para a concesionaria?
As consecuencias son moi importantes e prexudiciais para a cidadanía de Vigo. O hospital ten menos camas, a superficie construída é moito menor da prevista, a calidade dos materiais empregados é inferior, suprimiron o laboratorio, reduciron os espazos adicados a quirófanos, ao Servizo de Urxencias, reduciron o espazo do aparcadoiro -que ten unhas tarifas inasumibles para moitos pacientes-, etc. Sería moi longo enumerar todas as deficiencias que foron admitidas sobre o proxecto inicial. O máis grave é que a comarca de Vigo queda sen o gran hospital público de referencia para a zona –ao nivel dos que existen noutras cidades de Galicia-, con capacidade para xenerar coñecemento e innovación, e para aspirar á supresión, no futuro,  do concerto singular con Povisa, que debería ser un hospital concertado, como os demais en Galicia, en lugar de ter poboación asignada, como sucede na actualidade.


En que aspectos se puido incumprir a lei neste proceso, que motivaron a denuncia da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública ante a Unión Europea? (Tamén hai un informe dunha consultora, encargada de examinar as ofertas de licitación e escoller a empresa concesionaria, polo que a Xunta pagou 220.000 euros e e que non aparece no expediente pedido polo TSXG, ou un sobrecuste declarado pola unión temporal de empresas que obrigou a Xunta a pagar máis...)
As irregularidades cometidas ao longo proceso de construción deste hospital foron numerosas. Lembremos que a UTE concesionaria, integrada por construtoras arruinadas e bancos rescatados con diñeiro público, non foi quen de conseguir financiamento, polo que a Xunta tivo que aportar fondos do BEI e do ICO. Incumpriron unha norma básica do contrato, no que consta que o financiamento corre por conta e risco da concesionaria. Os severos recortes aplicados supoñen unha modificación do contrato –ao que aspiraban outras empresas que foron descartadas e que se ven prexudicadas por estes modificados-. Ademais tamén pode ser irregular a fórmula elixida para formalizar o contrato. Todos estas anomalías, perfectamente documentadas, foron presentadas pola AGDSP en setembro de 2015 ante a Comisión Europea. Este organismo admiteu a trámite a demanda e ten agora un ano para emitir unha resolución. Se Europa apoia os argumentos presentados pola AGDSP será máis doado recuperar o hospital para o dominio público, e terá un custe menor.
"Se Europa apoia os argumentos presentados pola AGDSP será máis doado recuperar o hospital para o dominio público, e terá un custe menor"
Que consecuencias ten para os usuarios a redución en 55.000 persoas no 2015 do persoal sanitario? Nas listas de espera, por exemplo. (O Sergas alega, por exemplo, que entre 2014 e 2015 “nos centros públicos se fixeron máis intervencións que nunca”, pese a que se suprimiron as operacións de tarde dos médicos).
Esas afirmacións da Xunta son pura propaganda. En Galicia as listas de espera (para cirurxías, consultas e probas diagnósticas) aumentan progresivamente nos últimos anos. Iso a pesar de que só coñecemos os datos das listas “estruturais” (hai listaxes “non estruturais” –aqueles pacientes que son chamados e non aceptan ser atendidos en centros privados- con cifras que descoñecemos, e hai pacientes que figuran no “buzón” –teñen cita solicitada pero sen data asignada- que están, literalmente ocultos “no limbo dos xustos”). Vigo e comarca (case 600.000 habitantes) ten as maiores listas de espera de Galicia e probablemente do Estado. A redución en Urxencias vai provocar colapsos reitados, como xa vén sucedendo, e a redución nos quirófanos vai contribuír a incrementar as listas de espera cirúrxicas.
"Vigo e comarca (case 600.000 habitantes) ten as maiores listas de espera de Galicia e probablemente do Estado"
No "informe dramático" asinado polos dous explicades que se recorta en persoal pero non na parte do orzamento destinada ao nivel hospitalario. De feito, o hospital Alvaro Cunqueiro pasou de custar catro veces máis ao pasar á fórmula mixta público-privada. A Xunta licitou a ampliación da xestión privada do hospital de Ourense, dirixido por unha prima de Feijoo, renovou o concerto co hospital privado Povisa... Que máis se privatizou, na sanidade, cos gobernos de Feijoo? A versión da Xunta é que só se externalizaron servizos como limpeza, seguridade, lavandería...
O gran proxecto de Núñez Feijoo era o novo hospital de Vigo, aínda que –visto o sucedido- hoxe posiblemente non tería impulsado esta anomalía. Pero este non é o único proxecto privatizador. Tamén privatizaron o laboratorio central de Galicia, a alta tecnoloxía –por medio da figura do “socio tecnolóxico”-, e a investigación por medio dos institutos biomédicos de investigacion dos hospitais públicos do Sergas. É dicir: entregaron a mans privadas as partes máis sensibles e importantes do sistema sanitario, as que xeneran coñecemento, innovación e avance na actividade sanitaria. Esta cesión empobrece de forma sensible os servizos públicos. Tamén “externalizaron” o servizo de ambulancias, as telecomunicacións, a cita previa, o servizo de suministro e loxística, o mantemento dos equipos sanitarios, o servizo de catering dos hospitais, etc. Resulta escandaloso coñecer a que mans, tan impropias, foron entregadas todas estas tarefas, realizadas ata hai pouco por traballadores públicos con total eficiencia. E aínda teñen na recámara o proxecto das Unidades de Xestión Clínica, que tentarán impoñer se continúan a gobernar.
"Resulta escandaloso coñecer a que mans, tan impropias, foron entregadas todas estas tarefas, realizadas ata hai pouco por traballadores públicos con total eficiencia"
A Xunta deberá pagarlle 72 millóns anuais á concesionaria do Cunqueiro. Mais esta débeda non computa para a UE. Puido pesar moito ese criterio á hora de optar pola fórmula mixta público-privada que tan pobres resultados dera por exemplo en Inglaterra ou en Valencia? (En Galicia existía ademais o precedente das fundacións hospitalarias, que tiveron que volver ser integradas no sistema público).
En Galicia xa tivemos a experiencia das fundacións sanitarias impulsadas por Romay (sendo a súa man dereita Núñez Feijoo). O goberno presidido por Pérez Touriño tivo que rescatar estas fundacións, pois estaban todas en quebra, e integralas na rede do Sergas. A fórmula elixida para a construción deste hospital persegue dilatar o pago aos próximos vinte anos. É dicir: todos os galegos temos contraída unha grave hipoteca -72 millóns de euros por ano-, que pagaremos ata o ano 2035. Daquela, cando o hospital sexa vello e obsoleto, pasaría a dominio público. O negocio para a concesionaria parece redondo. E se non lle cadran as contas sempre ten a posibilidade de “chantaxear” a Administración. Neste caso é ben doado: non é posible prescindir dos seus servizos. 
"En Galicia xa tivemos a experiencia das fundacións sanitarias impulsadas por Romay (sendo a súa man dereita Núñez Feijoo)"
As fórmulas de contratación do Sergas coas empresas de tecnoloxía sanitaria, (socio tecnolóxico e diálogo competitivo), levan a que a administración encargue a tecnoloxía segundo o que lle propoñen as empresas multinacionais que a venden. Así, as empresas deciden sobre renovación de equipos, mantemento, máquinas que se compran e a que prezo, sobre formación do persoal... Segundo o Sergas, iso é un xeito de acceder á tecnoloxía máis moderna, de xeito alternativo ao sistema tradicional de compra (aínda que o Sergas, pasados uns anos, decide se queda ou non coas máquinas). Que supón, na vosa opinión, a figura do socio tecnolóxico? Para que serve?
Serve para entregar directamente o control da tecnoloxía sanitaria ás empresas subministradoras. Serán elas as que tomen as decisións que, por suposto, tentarán que sexan as máis lucrativas. Con toda seguridade vai aumentar o gasto neste capítulo, e vaise xerar un incremento na utilización destas tecnoloxías. A realización excesiva de probas de imaxe (TAC, RMN) non é inocua. Pode provocar “sobrediagnóstico” e mesmo iatroxenia. 

Ángel Cameselle conta no libro como a concesionaria limita os dereitos de liberdade sindical dos traballadores. Mesmo se denunciaron intentos de censura. En que sentido son afectadas a liberdade sindical e de expresión do persoal do Álvaro Cunqueiro?
Os atrancos para dificultar o labor dos sindicatos e da Xunta de Persoal é a constante desde o principio. A falta de espazos para xuntanzas, a ausencia de taboleiros, e mesmo os intentos de censura forman parte da estratexia para tentar calar as voces discordantes. No mes de marzo o xerente fixo pública unha instrucción na que ameazaba con sancións aos que difundisen novas e comentarios críticos en relación co funcionamento e a xestión do hospital. Ao mesmo tempo a concesionario contratou unha empresa para tentar mellorar a imaxe do centro nos medios de comunicación e nas redes sociais.

Cales son as vosas propostas para o Cunqueiro, Meixoeiro e antigo Hospital Xeral?
O HAC ten que ser rescatado para dominio público e ten que ser modificado para incorporar todos aqueles espazos e servizos que foron “restados” pola concesionaria. De non ser así a sanidade en Vigo e comarca quedará hipotecada e “secuestrada” durante moitos anos. A toma de decisións estará en mans da concesionaria e dos directivos de Povisa. A Administración estará totalmente condicionada pola concesión e o concerto singular. É imprescindible reverter esta situación o antes posible. Ademais é preciso mellorar e dotar adecuadamente a Atención Primaria e presentamos unha proposta para dar unha utilización sanitaria aos edificios abandonados do Xeral, Anexos e Meixoeiro. Cómpre lembrar que a dotación sanitaria de Vigo e comarca actualmente é moi insuficiente. Sería un delito deixar arruinar eses edificios, coa actual escaseza de centros sanitarios.
"O HAC ten que ser rescatado para dominio público e ten que ser modificado para incorporar todos aqueles espazos e servizos que foron “restados” pola concesionaria"
En todo isto, (e tamén coa lei que restrinxe o tempo máximo de espera e ofrece a posibilidade de ir a un privado), tamén se benefician hospitais privados aos que o Sergas deriva parte do traballo. O libro detense no caso de Povisa, e na súa campaña tras perder moita xente que pediu cambio de hospital. O Sergas alega, aquí, que a súa idea é só mandar as operacións menores aos hospitais cos que ten concerto... Que hospitais e de que xeito se benefician desas tendencias privatizadoras?
As derivacións desde o Sergas a centros privados para realización de probas e para cirurxías aumentaron notablemente co actual goberno galego. Todos os hospitais de Galicia incrementaron a súa actividade e os seus beneficios. A lei de garantías de tempos de espera está dirixida, máis que a beneficiar aos doentes, a protexer esta actividade derivada. Mais o caso de Povisa é diferente. Non é un hospital concertado (que fai actividade asistencial en función das derivacións realizadas desde os hospitais públicos) senón que forma parte da rede asistencial e ten poboación asignada (a península do Morrazo e parte da cidade de Vigo -arredor de 140.000 persoas-). Ten asinado un concerto singular que foi recentemente mellorado e prorrogado por dez anos máis (sendo conselleira Rocío Mosquera, que traballaba nesa empresa antes de acceder á política).

miércoles, 4 de mayo de 2016

A censura e a petición de rescate


A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (VI)

Praza Pública






No mes de marzo deste ano as protestas continuaban no novo hospital de Vigo (HAC); as demandas dos cidadáns acentúanse e a preocupación social non mingua. A Administración sanitaria está incómoda, as continuadas críticas resúltanlle incómodas. Así é que recorre a un método moi antigo: tapar as bocas dos que protestan. O xerente Félix Rubial emitiu, a primeiros de marzo, unha instrución para reprimir as críticas no interior do hospital. Na circular advirte que poderá haber sancións para o persoal se continúa a difusión de “mensaxes alertando sobre o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde”. A advertencia inclúe a difusión “por medios informáticos” de mensaxes negativas sobre o hospital. 

Con esta instrución interna pretenden calar as voces críticas; mentres tanto a concesionaria contratou unha empresa para difundir opinións positivas sobre o HAC nas redes sociais, e mesmo crearon perfís para divulgar comentario favorables sobre o funcionamento e a xestión do centro. O persoal do HAC fixo unha sentada de protesta , coas bocas tapadas, contra desta medida inquisitorial da xerencia. Pero censura non se reduce ao terreo profesional; tamén no ámbito da política se pretende calar as voces discordantes. Así pasou no Parlamento galego onde o profesor Beiras ,portavoz de AGE, foi expulsado despois dun debate intenso no que esta formación propuxo o rescate do HAC para a sanidade pública, para evitar o pagamento dunha “peaxe na sombra”, que implica a hipoteca que a Xunta deberá pagar –con diñeiro público, obviamente- ata o ano 2034: en total 1.300 millóns en forma de canon anual. Despois dun enfrontamento verbal co voceiro do PP o presidente da Cámara –Miguel Santalices- expulsou a Beiras (por promover “desorde grave coa súa conduta”): o portavoz perde os seus dereitos parlamentarios durante 15 días. Resulta evidente que as voces críticas non son ben admitidas nas filas do partido gobernante.  

 En Marea tamén levou a petición de rescate ao Parlamento de Madrid . A finais de marzo presentou no rexistro da Cámara Baixa unha proposición non de lei na que solicitan que se anule a adxudicación do HAC á empresa concesionaria. Reflicte a argumentación presentada pola AGDSP e SOS Sanidade Pública e afirma que o risco de financiamento non foi asumido pola empresa xa que foi cuberto en gran medida polo Sergas con créditos do BEI e o ICO.

Pese a todos os intentos por acalar as críticas a loita dos cidadáns e profesionais pola recuperación do hospital continúa. E ademais a realidade é moi terca e, por moito que se intente facer prevalecer a versión dixital sobre o mundo real, este imponse. Na semana santa de 2016 a prensa informa da presenza dunha nova infección nosocomial na Unidade de Coidados Intensivos. A bacteria Klebsiella  detectada na UCI deixou vinte cultivos de pacientes con resultados positivos. O Defensor do Paciente solicitoulle á fiscal xefe de Vigo que abra de oficio unha investigación  sobre esta posible infección hospitalaria. Destaca que este tipo de infeccións –que poden ser graves e mortais en persoas coa inmunidade deprimida-, son propias de centros hospitalarios e son evitables se se cumpren de forma estrita os protocolos establecidos. 

Os cidadáns da área sanitaria de Vigo precisan moito máis que propaganda. Deben saber que a súa saúde está protexida, que non corren risco co seu internamento no hospital, e que se prioriza o dereito á saúde da poboación sobre as ansias de enriquecemento da empresa concesionaria. A Administración sanitaria ten a obriga de garantir que prevalecen os dereitos cidadáns por enriba do afán de lucro. Agardemos que así sexa, mais para eso teremos que cambiar aos gobernantes. Estes xa teñen demostrado sobradamente cales son as súas intencións.