jueves, 29 de octubre de 2015

A secesión e a frivolidade



Nueva Tribuna



A dereita española e catalana son a mesma cousa. Gobernan para beneficiar ás élites e deixan medrar espazos de corrupción arredor dos seus postos de mando. As tramas de corruptela do PP, diseminadas por todo o Estado como unha rede de cloacas, non son diferentes das utilizadas pola familia Puyol e os seus herdeiros, que tamén cobran comisións e levan o diñeiro a paraísos fiscais.

Nos últimos tempos ambas faccións dirixentes están a axitar as bandeiras e tentan inxectar na poboación a ira patriótica, como se a causa dos seus males fose a cuestión territorial e non as políticas aplicadas por eles mesmos. Rajoy desde Madrid e Mas desde Barcelona están a levantar barricadas (en lugar de tender pontes), e tentan alimentar a xenreira mútua. Actúan como dous radicais que estimulan o conflito. O primeiro declárase firme defensor da unidade patria e o segundo fala do “expolio” que xustificaría a secesión. Cunha frivolidade extraordinaria alentan a confrontación (da que  obteñen rédito electoral), sen reparar nas consecuencias negativas que esta estratexia poida provocar; porque hai dinámicas que, unha vez iniciadas, son difíciles de frear e poden quedar fora de control. Uns e outros, vaidosos e irresponsables, incrementan a agresividade dialéctica e as acusacións, en lugar de abrir espazos de diálogo que permitan buscar acordos e evitar a confrontación.

Mostar
Ainda que a situación política e histórica non é a mesma, esta escalada na belixerancia territorial faime pensar na antiga Iugoslavia, xeografía castigada por unha guerra brutal (1991-1995), que deixou 130 mil mortos e milleiros de desplazados. A declaración da independencia de Croacia foi o inicio desta cruel confrontación. Meses antes dese inferno ninguen agardaba a chegada de tanta brutalidade: Iugoslavia estaba a piques de ingresar na Unión Europea. Esa guerra deixou feridas que tardarán décadas en cicatrizar e fragmentou o país en sete estados soberanos con conflitos enquistados moi difíciles de resolver.

No verán de 2011 tiven a oportunidade de visitar este territorio. A paisaxe de Croacia é impresionante. Pero vin outras cousas que me deixaron unha fonda pegada. No seu día escribín: “En Mostar vin xardíns e parques infantís invadidos polas tumbas dos mozos sacrificados naquela guerra. Vin casas destruídas e os impactos das balas nas paredes. Souben que, tantos anos despois, miles de persoas seguían sen fogar e moitos non volveron cruzar a ponte que separa a cidade en dúas partes. En Split vin unha competición deportiva que enfrontaba a mozos mutilados nun peculiar partido de voleibol. Os fillos do pobo, amputados e arrastrados polo chan, mentres as elites económicas e políticas amasaron fortunas cos negocios da guerra”.

Split

Mostar


















Se cadra o meu temor carece de fundamento. Pero ás veces só é preciso unha chispa para prender o lume. Segundo os historiadores a morte de José Calvo Sotelo foi o detonante principal para o levantamento militar e o inicio da guerra civil española. As circunstancias son ben diferentes mais, con todo, este país precisa, con urxencia, un cambio radical na súa política. Cómpre desterrar esta dialéctica de agresión contínua, é necesario levantar pontes que permitan a aproximación e crear espazos de negociación para construir unha convivencia civilizada. É preciso expulsar aos actuáis ocupantes do poder, que poñen os seus intereses particulares por enriba do ben común, mesmo xogando co risco dun enfrontamento entre irmáns.


lunes, 19 de octubre de 2015

Hospital Álvaro Cunqueiro: a gran estafa



Nueva Tribuna
Praza Pública
Galicia Confidencial



O día 3 de setembro de 2015 celebrouse en Vigo a manifestación máis multitudinaria que se recorda na cidade. Duascentas mil persoas protestaron polas deficiencias do novo hospital (que debería ser público, como tiña aprobado o goberno progresista de Galicia, pero que Núñez Feijóo entregou  a unha concesionaria -para a construción e posterior xestión-  e que foi inaugurado, despois dun proceso cheo de irregularidades, co nome do escritor Álvaro Cunqueiro). “A xente non quere un hospital privatizado e recortado”, afirmaban os organizadores, que reclamaban, polas múltiples deficiencias e irregularidades, o inicio dun proceso de rescate desta concesión.  Esta manifestación xa estaba prevista deste antes do verán, para reclamar “un hospital 100% público, sen recortes de camas e cun laboratorio central”, que debería ser o centro de referencia para o sur de Galicia.

O traslado de pacientes desde o Hospital Xeral ao novo centro, iniciado poucos días antes, debería ter rematado nos primeiros días de setembro. Pero, xusto o día anterior á manifestación, unha muller de 65 anos faleceu no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) afectada polo fungo Aspergillus. Poucos días antes un informe preliminar confirmaba a proliferación do mesmo fungo -que en 1998 provocara a morte de seis persoas no Meixoeiro-. A Consellería defendeu que o contaxio non se producira no novo hospital. Pero as análises microbiolóxicas revelaron a existencia de Aspergillus , polo que suspenderon temporalmente os ingresos de pacientes e pecharon as zonas cirúrxicas, a UCI e outras unidades sensibles.

 
Os expertos afirman que a presenza de Aspergillus nun centro hospitalario debe ser nula. “Comezar os traslados antes de que concluísen as obras era innecesario, pero realizar as análises no último momento foi unha temeridade“, afirmaba un facultativo. Esta situación, provocada polas presas da Administración para realizar este traslado (a empresa concesionaria quere comezar a cobrar o canon pactado), obrigou a devolver os pacientes ao Xeral e provocou unha nova demora. O sindicato médico CESM presentou unha denuncia na Fiscalía de Vigo contra a Conselleira de Sanidade por posible homicidio imprudente, ao  ter permitido o traslado de pacientes antes de que rematasen as obras e sen adoptar medidas preventivas especiais.

A gravidade desta situación, que provocou unha enorme alarma social, deixou nun segundo plano as múltiples deficiencias que veñen denunciando os profesionais e os pacientes.  As dificultades nos accesos ao Hospital, o pago polo aparcadoiro (1.86 euros por hora, o máis caro de Galicia), o déficit de equipamento, a presenza de roedores, a caída de cachos do teito, a deficiente calidade das paredes que impide colocar equipamentos, a ausencia de lavabos en quirófanos e consultas, as inundacións de corredores, a existencia de pingueiras, a diminución do espazo para Urxencias, a redución dos quirófanos: todos estes déficits fan que o proxecto estrela de Núñez Feijoo se converta nun tremendo fracaso e nunha burla á cidadanía. 

A primeiros de outubro foi cesada a conselleira Rocío Mosquera; podemos interpretar este cese como un triunfo da mobilización cidadá. Pero a realidade é que non cambia a política. Galicia está sendo castigada con medidas privatizadoras que levan á precarización dos servizos públicos. A inmensa débeda que este goberno ten coa cidadanía non queda reparada con esta decisión. Máis ben ao contrario; podemos sospeitar que será Núñez Feijóo quen asuma, aínda máis, o protagonismo no terreo sanitario. E xa sabemos que é un convencido e experto privatizador.

Mentres tanto, con absoluto desorde, reiniciaron o traslado de pacientes e de actividade ao HAC. E as noticias sucédense. O persoal protesta polas numerosas incidencias: a mediados de setembro fixeron un relato público, moi impactante,  das deficiencias e riscos para os pacientes e profesionais que presenta esta infraestructura, que non estaba preparada para o traslado. Os celadores fixeron un peche para protestar porque as súas funcións foron asignadas a persoal externo contratado por medio dunha ETT. A primeiros de outubro a falta de material obrigou a cancelar a operación dunha persoa enferma de cancro. A mediados deste mesmo mes produciuse a rotura dunha condución de augas fecais na área de Urxencias, probablemente polas deficiencias dos materiais empregados na construción. 

A preocupación da poboación aumenta, causada pola contínua sucesión de anomalías, que non fan máis que prolongar a alarma. Os profesionais tamén expresan o desacordo. A folga de traballadores realizada o 13 de outubro tivo un seguemento do 90%, segundo a Xunta de Persoal. Nunha mobilización masiva denunciaron a incompetencia dos xestores, reclamaron a dimisión dos responsables e solicitaron a restauración dunha “sanidade pública e gratuíta”.  O cambio de caras non abonda para acalar as protestas. O novo conselleiro, Vázquez Almuiña, enfróntase a unha herdanza envelenada. Os cidadáns non poderán esquecer que, por decisións políticas e por afán de lucro, os dirixentes do PP están a poñer en risco a saúde colectiva, ademáis de deixar unha severa hipoteca para o futuro da sanidade pública galega. Este hospital, que Núñez Feijoo presentou como o gran proxecto do seu mandato presidencial, xa deixa ver ás claras o que é na realidade: unha gran estafa.




jueves, 1 de octubre de 2015

Portugal: tan preto, tan lonxe







Estes últimos días de setembro estivemos en Portugal. Os portugueses son nosos irmáns, xente acolledora e amable; para nós, os galegos, a barreira idiomática non existe. Despois do visto sospeitamos que as nosas vidas van paralelas. Nos últimos anos as clases dominantes realizaron as mesmas barbaridades. Vimos quilómetros e quilómetros de costa estragados  pola especulación inmobiliaria (centenares de vivendas baleiras ou a medio construír) e obra pública innecesaria ou, cando menos, cuestionable (autoestradas case baleiras, como o aeroporto de Castellón).

Alí conseguimos desconectar do bombardeo persistente dos nosos medios de comunicación. A situación de Grecia ocupou portadas durante semanas. Despois as eleccións en Catalunya invadiron todo o espazo informativo, ata o aborrecemento. Pero apenas sabiamos, porque os medios non o contan, que no país veciño tamén hai un proceso electoral en marcha que ten, para eles e para toda Europa, unha grande transcendencia. O día catro de outubro serán elixidos os 230 deputados da Asemblea da República e o presidente Cavaco Silva, segundo o resultado, designará o novo primeiro ministro de Portugal.

Resulta sorprendente que non se informe deste proceso electoral. Somos veciños e vivimos de costas. Tan preto e tan lonxe. Con todo, as nosas vidas son moi semellantes. O ambiente político e as mensaxes electorais pódense superpoñer. Tamén o pobo portugués foi castigado, coa escusa da crise, e desposuírono de dereitos civís, de protección laboral e do amparo do Estado de benestar construído nas últimas décadas. A dereita portuguesa (da mesma forma que a española e a catalá) impuxo as súas políticas sen piedade e aplicou severos recortes que afectaron á educación, á sanidade pública e ás pensións. E non rebaixaron a débeda nin unha décima, que era a teórica xustificación para esixir tanto sacrificio. É a mesma estratexia: destruír o público para xerar espazos de negocio.

Xa entrou o outono e os días son máis curtos. Pero tivemos sorte e houbo días de sol e praia. A rexión de Aveiro é espléndida e a cidade é unha postal. 

























En Viseu, cidade do interior -situada entre a serra da Estrela e a do Caramulo-, visitamos os seus monumentos e paseamos polas súas rúas. As grandes cadeas comerciais aínda non o invadiron todo e aquí pódense ver (igual que en moitos pobos da Galicia interior) tendas como as de outrora con escaparates curiosos e rechamantes. 










En Coimbra, logo de visitar a antiga Universidade e a catedral vella, vimos a casa do gran José Afonso (mito da canción portuguesa, heroe da Revolución dos Caraveis -aínda recordo con emoción o 25 de abril de 1974, cando aquí viviamos os estertores da ditadura franquista-), aquel que cantaba:

Grândola, vila morena
Terra dá fraternidade
Ou povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade.

Pois iso. Que o pobo ordene e mande. Que expulse do poder ás termitas que destrúen todo o público desde dentro. O que suceda en Portugal tamén nos afecta a nós.