sábado, 5 de diciembre de 2015

“A flor da figueira”






 A flor da figueira” (Edicións doCumio) é o título do libro que ven de publicar o meu amigo Xosé Manuel López Tuñas. O propio autor preséntase como aquel que deixa pasar o tempo, no caer da tarde, vendo como os raios do sol penetran a través das follas da figueira. Mais esa semblanza de home contemplativo non se corresponde estrictamente coa realidade. López Tuñas é unha persoa de acción, un home comprometido que deixou moitas horas da súa vida no exercicio da profesión, na actividade política e no compromiso social. 

Xosé Manuel López Tuñas
Tamén é un home culto que adicou moito tempo á lectura, ao estudo e a tentar profundizar na realidade para comprender a vida, a historia e o acontecer diario. Moitas desas reflexións foinas publicando no seu blog “Ágora” e son a base principal deste libro. Ainda que os textos foron publicados na rede, o volume que os recolle ten unha certa unidade, un fio conductor que enlaza os sucesivos capítulos e dalle ao libro unha consistencia propia. Non se trata, por tanto, dun feixe de artigos, reunidos para publicar en conxunto, senon que o libro ten entidade propia, ten unha categoría superior ao simple amoreamento de textos.

Este é un texto híbrido, pois non é un libro de memorias  -ainda que reflicte e analiza moitos acontecementos da vida local e universal; non é unha autobiografía –ainda que fai referencia a numerosos momentos da vida persoal e familiar; non é un ensaio –ainda que hai moita reflexión e análise sobre diversas materias-; e non é un libro de historia, pero reflicte e analiza numerosos acontementos históricos de tempos remotos e máis recentes. É un pouco de todo eso, escrito con amenidade e ben documentado. Agradécese a documentación gráfica que acompaña os distintos capítulos. Algunhas fotos falan por sí mesmas. O fío condutor do libro é a propia vida do autor, que relata momentos especialmente emotivos do seu avó, dos pais, dos amigos e da súa vida familiar, con especiais referencias á compañeira da súa vida, Luz. A través dese leve fío vai enlazando, como elos dunha cadea, numerosas anécdotas, feitos históricos e reflexións sobre a vida cotiá, para conseguir un texto unitario, coherente e sólido.

Mural de Xosé Cobas na Casa da Cultura de Negreira
Hai capítulos máis narrativos e outros máis reflexivos. Algúns teñen unha carga emotiva (cando se recorda a sí mesmo na fonte do Carme,  a relación cos avós e cos pais, os primeiros pasos como ensinante), outros teñen un tono claramente humorístico (como Que ven o touro!, donde narra unha frustrada corrida de touros en Negreira); adica moitas páxinas a relatar episodios da emigración –e o admirable labor que fixeron os emigrados en América para mellorar a vida na comarca, coa construccións de escolas e outras dotacións públicas-, e outras a recuperar, con nostalxia, a historia recente da vila de Negreira e da bisbarra (o tempo antiguo do Casino, a chegada do cinema, os inicios da modernización agraria, etc). Hai capítulos máis análiticos nos que reflexiona sobre o drama das guerras (a guerra civil, a II guerra mundial, os campos de concentración), e noutros fai un un encendido eloxio da educación pública e unha defensa firme do dereito á cultura e á igualdade. Nas páxinas adicadas á guerra civil e á sua repercusión na comarca, fai unha rendida homenaxe aos mortos e os perseguidos, que tiveron o valor e a decencia de defender a legalidade da República.

Pazo do Cotón en Negreira
XM López Tuñas é un home comprometido, xa o dixemos. Venlle dende o berce. É un home de esquerdas que nunca escondeu o seu pensamento nin eludíu o compromiso. Tivo, desde moi novo, unha decidida vocación pola docencia, á que se adicou profesionalmente ata a súa recente xubilación. Moitos alumnos recordan con afecto a súa entrega no traballo, porque Manolo é deses mestres que deixan pegada na vida dos alumnos –como aquel que interpretaba Fernán Gómez na película A lingua das bolboretas-. A súa actividade política comezou xa nos tempos da ditadura. Na súa adolescencia integrouse nas actividades das XARC e participou na organización dos primeiros campamentos comarcais –que permitiron a moitos nenos da comarca ver, por primeira vez, o mar-. Xa no tardofranquismo foi un dos principais impulsores da Asociación Cultural Afonso Eans e da asociación veciñal de Negreira. 

Nos inicios da democracia foi alcalde de Negreira, cargo que exerceu durante doce anos, en tres mandatos sucesivos. É o mellor alcalde da historia deste concello. Fixo unha xestión municipal participativa e puxo as bases para que a vila e o concello entrasen na modernidade. Deixou a alcaldía por decisión propia, sen ceder á presión dos conveciños que o animaban a seguir. Recuperou o exercicio da docencia ata a xubilación e foi o principal impulsor da Sociedade “Alén Mar”, adicada a fomentar os lazos coa emigración de Cuba.

López Tuñas é, por enriba de todo, unha excelente persoa, cunha traxectoria persoal, politica e profesional exemplar. É un home bó, cun profundo sentido da amizade -neste libro honra a memoria dalguns amigos-, e eu teño a sorte de contar co seu afecto. Agora preséntase tamén como un excelente escritor. Este vai ser un libro moi valorado en Negreira e bisbarra, pois recupera relatos e persoaxes que merecen estar na memoria colectiva e que poderían quedar no esquecemento. Máis tamén despertará interese fóra da comarca pois, a fin de contas, as historias que aquí se recollen poderían ter sucedido en calquera outro lugar.

(Este texto é o prólogo do libro "A flor da figueira", de Xosé Manuel López Tuñas, editado por Edicións do Cumio).


Convite para a presentación do libro "A flor da figueira" en Negreira


No hay comentarios:

Publicar un comentario