jueves, 20 de agosto de 2015

O TTIP: outra ameaza para a Sanidade Pública


Entrevista (II):
Marciano Sánchez-Bayle: fundador da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública


A Marea Branca, un exemplo a seguir

-En Madrid, ante as propostas privatizadoras do Partido Popular, produciuse un movemento profesional e cidadán, a Marea Branca, que logrou frear estas propostas. Na súa opinión: Cales foron os elementos principais para que se producise esta potente movilización? Que ensinanza se pode  sacar desta experiencia para aplicar noutros lugares?
Contar brevemente un proceso de varios anos e de tanta diversidade como a Marea Branca é complicado, pero intentando resumir moito direi que as movilizacións xurdiron como resposta ao chamado “Plan de sustentabilidade” que a Comunidade de Madrid intentou impoñer en novembro de 2012. O rexeitamento masivo viuse facilitado porque abordaba case todo o sistema sanitario, porque os profesionais xa estaban moi castigados polos recortes e porque intentaron impoñelo sen ningún tipo de diálogo e no medio de continuas descalificacións (de feito Lasquetty e Gonzalez foron uns dos principais instigadores da contestación). O PP en Madrid, que xa levaba 11 anos privatizando de xeito progresivo, paso a paso, con moi pouca resposta, sobrevalorou a súa capacidade e pensou que estabamos derrotados e quixo impoñer un golpe definitivo á Sanidade Pública, e foron a súa prepotencia e a súa intransixencia as que favoreceron o rexeitamento case unánime de profesionais e cidadanía.
Realmente case todas as experiencias teñen peculiaridades moi concretas que son difíciles de xeneralizar; por exemplo, en Madrid o intento de converter o Hospital da Princesa nun xeriátrico foi o detonante das movilizacións, pero contando con esas limitacións habería que sinalar algúns aspectos craves que poderiamos esquematizarse así:
Un: a unidade é fundamental, pero respectando a diversidade porque hai que conxugar os intereses e as diferenzas de moitas entidades e organizacións. Dous: a participación de profesionais e poboación é un binomio imprescindible para o éxito. Tres: as movilizacións teñen que ser inclusivas permitindo a participación de todos na medida do seu compromiso. Catro: o exceso de protagonismo é malo para a saúde das movilizacións, hai que evitar os hiperliderazgos excluíntes. Cinco: deben abarcarse todas as frontes de loita: legais, mediáticos, manifestacións, encerros, folgas, etc. Seis: a persistencia e a paciencia son as palancas principais para o éxito, unha das estratexias máis probables dos privatizadores será o intentar o cansazo e a desilusión para desactivar as movilizacións. E sete: a organización é clave para o mantemento das loitas e para poder continualas nos momentos de refluxo que, como sucede con todas as mareas, son inevitables.
Outra cuestión que habería que sinalar é que as movilizacións de Madrid tiveron unha gran visibilidade polo lugar en que sucedían e a presenza na cidade de importantes medios de comunicación , pero convén non esquecer que grandes movilizacións de características moi parecidas producíronse noutros puntos da xeografía: por suposto en Galicia, onde teñen unha importancia e unha continuidade moi relevante, Salamanca, Cuenca, Cartaxena, Segovia, Alcañiz, Villarrobledo, Almansa, etc.

-Despois das pasadas eleccións o goberno da Comunidade de Madrid segue en mans do Partido Popular. Considera que a batalla contra a privatización xa está gañada ou aínda hai risco de que volvan á carga cos seus proxectos privatizadores?
Houbo xa un acordo entre o PP e Cidadáns para non privatizar máis centros sanitarios. De todas as maneiras hai que ser conscientes de que a partir da dimisión de Lasquetty a privatización directa dos centros sanitarios foi cambiada por unha estratexia de privatización silenciosa baseada en tres eixos: as derivacións sistemáticas cara aos centros privados de probas diagnósticas, consultas de especialistas e intervencións cirúrxicas, complementada coa infrautilización dos recursos dos centros públicos, e co intento de impoñer outros sistemas de privatización e fragmentación da rede sanitaria pública (unidades de xestión clínica), e que este compromiso non parece alcanzar estoutras políticas igualmente agresivas contra a Sanidade Pública. Ou sexa que debemos ser conscientes de que a política privatizadora continuará por outras vías probablemente menos visibles, polo que teremos que continuar as movilizacións para evitalo.

O TTIP: outra ameaza para a Sanidade Pública

-O tratado de libre comercio que está negociando a UE cos EEUU, con bastantes segredo: Pode representar unha ameaza máis para a Sanidade Pública do noso país? En que se concreta esta ameaza?
As ameazas máis importantes para a Sanidade Pública contidas no Tratado son:

Un. Os gobernos non poderán recuperar os servizos externalizados ou privatizados, aínda que sexan un desastre e os seus gastos exorbitantes (como os hospitais PFI de Madrid ou de Vigo, que multiplican por sete o seu custo real).
Dous. As empresas poderán garantir e protexer os seus investimentos cun arbitraxe Inversionista - Estado, que outorga ás corporacións o dereito de demandar a un goberno que tome decisións que danen as súas ganancias, á marxe dos tribunais nacionais de xustiza. Como consecuencia os gobernos europeos que adopten medidas lexislativas que reduzan as expectativas de ganancias a unha empresa enfrontaranse a reclamacións por "expropiación" ao asimilalas a unha incautación ilegal da propiedade privada polo goberno.
Tres. A concesión de indemnizacións en primeira instancia para a arbitraxe dos investimentos das empresas nos sistemas sanitarios públicos supoñerá unha seria ameaza para a capacidade dos gobernos de intervir na defensa do interese público con (de) políticas que protexan intereses sociais como: Fixar prezos para os produtos farmacéuticos e para a promoción de medicamentos xenéricos que garantan o acceso aos mesmos a todos os sectores sociais; control e avaliación de tecnoloxías que se vaian a incorporar ao sistema sanitario público atendendo a criterios de racionalidade e sustentabilidade; medidas de protección da saúde pública como o control do tabaco ou da seguridade e calidade dos alimentos
Finalmente, un dos principais obxectivos do tratado é conseguir a privatización dos servizos sanitarios, que son vistos polos inversores privados e pola industria farmacéutica de tecnoloxías sanitarias como unha enorme lista de compras. Neste sentido a Comisión de Comercio da Unión Europea acordou en 2010 presionar para chegar a un acordo comercial que harmonizase a regulación do sector público europeo co norteamericano que debía incluír a asistencia sanitaria dada a súa importancia económica, polo que debería privatizarse como nos Estados Unidos.

-Algunhas das persoas que máis se significaron na defensa do noso sistema sanitario están chegando, ou chegaron xa, á idade da xubilación: Hai recambio xeneracional? Considera que os profesionais máis novos estan a  implicarse para continuar esta tarefa?
A nosa xeración comezou a súa experiencia nas movilizacións da Universidade contra o franquismo e logo nas movilizacións dos MIR na época da Transición. Tratábase dun colectivo cunha gran experiencia de loita e cunha ideoloxía solidaria e unha práctica sanitaria cun compromiso social moi potente que volveu rebrotar nestes últimos conflitos. A xente máis nova ha ter unha experiencia persoal e profesional moi distinta e viviu durante moito tempo un sistema sanitario público en expansión e só de xeito máis recente a tremenda política de recortes, pero é evidente que tamén se mobilizou de xeito moi activo e ás veces moi imaxinativo, dando cabida a outros instrumentos de traballo (redes sociais, etc). Se cadra aínda non entenden como nós a importancia da organización para poder continuar o traballo pola Sanidade Pública, pero os conflitos recentes faranlles comprendelo. Eu creo que esa substitución producirase e a nosa tarefa é seguir traballando ata que chegue a substitución. 

(Entrevista publicada na revista Tempos Novos, nº 218, xullo-2015)

Pablo Vaamonde, Hixinio Beiras, Marciano Sánchez-Bayle, Manuel Martín. Foto de Luís Míguez

1 comentario:

  1. pois que rapidiño se apresuraron a fírmalo o PP ( lóxico ) , CIU , PNV , UP y D e o PSOE ¿ socialistas ?

    ResponderEliminar