jueves, 20 de agosto de 2015

Contra a privatización de batas brancas





Entrevista (I):


Marciano Sánchez-Bayle, fundador da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública


Marciano Sánchez Bayle é unha das figuras máis importantes entre os defensores da Sanidade Pública. Unha vida enteira de compromiso e coherencia sitúano como unha persoa exemplar e un referente ético para aqueles que lemos os seus escritos e seguimos a súa traxectoria. É un dos líderes da Marea Branca madrileña que conseguiu, de momento, paralizar o proceso privatizador iniciado polo Partido Popular. Estivo en Galicia para presentar o seu último libro, e aproveitamos a ocasión para manter esta entrevista.

Sánchez-Bayle naceu en Plasencia (Cáceres) en 1949, é Doutor en Medicina, especialista en Pediatría e Nefroloxía. Ten tres fillos. Foi xefe de sección de hospitalización de Pediatría do Hospital do Neno Xesús de Madrid ata a súa xubilación forzosa pola Consellería de Sanidade de Madrid en xullo de 2014. Fundador da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública (ADSP) e da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), actualmente é presidente da ADSP de Madrid e portavoz da FADSP. foi presidente da Internacional Association of Health Policy da que agora é vicepresidente. Pertence aos Consellos científico e deliberativo do Observatorio Iberoamericano de Políticas e Sistemas de Saúde, así como ao Observatorio Madrileño de Saúde e foi director do Observatorio de Políticas de Saúde da Fundación 1º de Maio. Escribiu varios libros sobre sanidade e política sanitaria; tamén coordinou uns vinte libros e escribiu capítulos noutros moitos. O último publicouse en 2015: “La sanidad no se vende. Manual para la defensa de la Sanidad Pública” (Akal, 2015).  Publicou máis dun centenar de artigos en revistas científicas de ámbito nacional e internacional e moitos máis en prensa periódica.

-Ven de publicarse o libro“La sanidad no se vende”, coordinado por vostede -xunto co cardiólogo galego Hixinio Beiras Cal-, que pretende ser un manual para a defensa da Sanidade Pública. Estamos aínda a tempo de salvala? O dano causado polas Administracións do Partido Popular pode ser reversible?
Comezarei polo final; o único que non é reversible é a morte. Eu vivín a construción do Sistema Nacional de Saúde neste país e fíxose a partir dunha situación moito peor que a que existe agora e hai que ser conscientes de que os Servizos Nacionais de Saúde (Reino Unido, Suecia, Finlandia, etc) naceron en circunstancias moito peores que as actuais . Por suposto canto máis se avance no proceso de recortes, deterioro e privatizacións máis dificil será a recuperación; no fondo o problema está en que para iso se necesitan tres condicions: unha potente vontade política, a existencia dun amplo sector profesional que apoie a Sanidade Pública e un amplo soporte social, non só militante, pero tamén, sobre todo, unha opinión pública que defenda a Sanidade Pública e que opine, como acontece aquí e agora, que é a que ten mellores instrumentos e respostas para garantir a saúde da poboación. Os resultados das últimas eleccións parecen indicar que é probable que se logren gobernos con esa vontade de recuperación do sistema sanitario público e as amplas movilizacións sociais e profesionais escenifican que hai unha base social e sanitaria máis que suficiente; eu persoalmente son optimista.

-Malia todo o dano causado polos gobernos da dereita (autonómicos e central): Temos aínda unha boa Sanidade Pública?
Cando se trata de valorar un sistema sanitario o que adoita usarse é unha comparación internacional, coa situación noutros países, por iso é evidente que a nosa posición é bastante favorable, aínda que, por suposto, produciuse un retroceso moi substancial; pero como partiamos dunha posición moi boa, aínda as cousas funcionan dun xeito bastante razoable, sobre todo polo esforzo dos traballadores do sistema sanitario público, aínda que é obvio que si se mantén esta deriva de recortes e privatizacións o sistema podería entrar en shock. Como adoita suceder nisto hai moitas diferenzas entre as distintas CCAA.

-Na súa opinión, os severos recortes impostos na Sanidade: son de aplicación obrigatoria debido á crise económica, como di o PP, ou son impostos por razóns ideolóxicas e políticas?
Eu creo que hai prácticamente consenso, fóra dos voceiros do PP, de que os recortes responden sobre todo a criterios ideolóxicos e a intereses económicos e políticos. No noso país o gasto sanitario era baixo comparativamente, e a eficiencia do sistema sanitario moi alta, como recoñece todo o mundo (por exemplo, o último informe da Comisión Europea sobre eficiencia dos sistemas sanitarios en xuño de 2015, que sitúa a España no primeiro posto da UE); con todo, coa escusa da súa insustentabilidade, impuxéronse toda unha serie de recortes inxustificados, pero teñamos en conta que, paralelamente, se impulsaron privatizacións que supoñían sobrecustes de 7-9 veces sobre a súa alternativa no sector público. El Roto nunha viñeta que citamos no libro xa o di : hai que esnaquizar todo o público para demostrar que non funciona. Pois iso é o que estiveron facendo.

-No canto das medidas impostas polo Partido Popular (recortes, privatizacións, exclusión sanitaria, copagos): Que outras alternativas se poden aplicar, que estratexias serían posibles para non provocar o deterioro do noso sistema sanitario?
Ben, hai que ser conscientes de que o sistema sanitario ten problemas que deben abordarse e as solucións teñen que ir doutra banda: por exemplo, ten un baixo financiamento e mal repartida; a Atención Primaria, que debería ser a clave do seu funcionamento, foi marxinada e desfinanciada, hai que racionalizar o gasto farmacéutico e a utilización tecnolóxica (en ambos temas temos unha sobreutilización), fomentar a coordinación e integración de niveis asistenciais, garantir a utilización intensiva dos recursos dos centros sanitarios públicos, etc.

O Real Decreto Lei 16/2012: un atentado contra a Sanidade Pública

-Ademais dos recortes e privatizacións o Partido Popular publicou unha lei (O Real Decreto Lei 16/2012) que supón unha auténtica contrarreforma sanitaria, como vostede sinalou en varios artigos. Cales son os principais elementos que introduce esta lei e por que son tan nocivos para a Sanidade Pública?
O RDL 16/2012 foi a maior agresión ao sistema sanitario do noso país. Basicamente contén catro cuestións craves: Unha: transforma o dereito á atención sanitaria pasando dun modelo baseado na cidadanía a outro que pivota sobre o aseguramento o que produciu exclusións de colectivos da cobertura pública (os inmigrantes non regularizados, os que teñen unha estancia no estranxeiro de mais de 90 días, e as persoas con rendas superiores a 100.000 euros) con graves efectos sobre a saúde dos grupos con menos recursos (polo menos hai 3 mortes documentadas de inmigrantes por desatención sanitaria). Dous:  fracciona a carteira de servizos en tres partes, unha básica de acceso gratuíto e outras dúas, suplementaria e complementaria, suxeitas a copagos. Tres: engade novos copagos sobre farmacia (pensionistas e farmacia hospitalaria), dietas, ortese, prótese e transporte sanitario, que aínda que só se aplicaron no que respecta aos medicamentos dispensados por receita supuxeron grandes problemas para as persoas máis pobres e máis enfermas (o 14,76% dos que reciben unha prescripción non a retiran da farmacia por motivos económicos). E catro: exclúe 417 medicamentos do financiamento público aumentando o efecto anterior. É dicir: aumenta a inequidade no acceso á atención sanitaria e establéce barreiras económicas que dificultan que as persoas reciban prestacións sanitarias que necesitan. Por sorte, grazas ao amplo rexeitamento social e profesional, estas medidas aplicáronse só parcialmente e con grandes diferenzas segundo as distintas CCAA.

-En realidade o título do libro leva a engano xa que, en realidade, a Sanidade SI que a están vendendo. Están entregando a mans privadas hospitais enteiros (modelo PFI) ou parcelas cada vez máis grandes da actividade sanitaria. As chamadas Unidades de Xestión Clínica son, como din as súas impulsores, un mecanismo para modernizar a xestión sanitaria ou un instrumento máis para privatizar a bata branca?
O titulo inicial era o de “Manual para a Defensa da Sanidade Pública” e a editorial considerou que era conveniente un mais curto e rechamante e elexiron este que responde a un dos eslógans da Marea Branca (“A Sanidade Pública non se vende... deféndese”), responde a unha reivindicación do movemento, e por iso creo que non queda mal. É obvio que a privatización directa dos centros sanitarios atopou unha gran contestación social e profesional e iso fixo que se busquen outras vías para privatizar, máis sofisticadas, mais silenciosas e menos evidentes, ahi están as derivacións sistemáticas aos centros privados e as unidades de xestión clínica que pretenden fragmentar o sistema sanitario en microunidades que permitan unha máis fácil penetración dos intereses privados. Por sorte nalgunhas CCAA como Galicia e Castela e León teñen unha forte oposición.


(Entrevista publicada na revista Tempos Novos, nº 218, xullo-2015)


No hay comentarios:

Publicar un comentario