martes, 7 de abril de 2015

A exclusión sanitaria

En Nueva Tribuna





En abril de 2012, aos tres meses de ocupar o poder, o PP publicou no BOE un Real Decreto Lei (RDL 16/2012), teóricamente orientado a garantir a sustentabilidade do sistema sanitario público, aínda que, en realidade, tratábase dun atentado frontal contra o mesmo. Esta celeridade do Ministerio, dirixido por Ana Mato, só se pode explicar dun xeito: ese texto xa estaba escrito cando, na campaña electoral, pregoaban que nunca tocarían a sanidade, a educación e os servizos sociais. Estaba na súa “axenda oculta” e recolle as medidas que querían impoñer en sanidade (recortes e privatizacións) calquera que fose a situación herdada. 

Este RDL suprime o dereito universal da cidadanía á sanidade e recupera as casposa figura do “asegurado” dos anos setenta. Xa que logo, as persoas serán atendidas en canto coticen para conseguilo: a saúde deixa de ser un dereito e convértese nunha mercadoría que hai que pagar. Este RDL provocou a exclusión de preto dun millón de persoas da cobertura sanitaria (inmigrantes), pero hai outros colectivos que se poderán ver afectados no futuro. 


Alfonso Alonso, entón portavoz do PP, intentou xustificar esta exclusión dicindo que era necesaria para evitar o colapso das urxencias. Agora, como ministro de Sanidade, utiliza o mesmo argumento para todo o contrario, xa que anunciou que os inmigrantes excluídos poderán ser atendidos en Atención Primaria, aínda que non recuperan o dereito á tarxeta sanitaria. Esta tarxeta, co seu Código de Identificación Persoal (CIP) é imprescindible para poder “circular” polo sistema sanitario nos seus distintos niveis, sen discriminacións. É como o DNI na vida ordinaria: imprescindible para realizar calquera trámite civil, administrativo ou xurídico. O contrario é ofrecer unha asistencia de segunda división, unha atención de beneficencia, unha prestación caritativa. Trátase, de novo, dunha gran mentira, preocupados como están polas malas perspectivas electorais. 

Para rectificar de verdade só hai un camiño: derrogar o RDL 16/2012, que provoca a exclusión e carrexa outros danos e prexuízos a todos os cidadáns (copagos, retirada de fármacos ou prestacións, fragmentación da carteira de servizos). Pero non o van facer -como reclamaron recientemente todos os partidos agás o PP e Cidadáns-, porque esa lei é a pedra angular que utilizan para desmantelar o sistema sanitario público e xerar espazos de negocio para as aseguradoras e empresas afíns. Só lles interesa xerar beneficios privados a costa do orzamento sanitario.


Nun debate televisado sobre o tema escoitei ao representante do PP afirmar que non se podía devolver a tarxeta sanitaria aos excluídos porque “provocan moito gasto sanitario no exterior” que despois hai que reembolsar. Tamén afirmou que a medida fora aprobada no Consello Interterritorial do SNS (CISNS), onde están representadas todas as Comunidades Autónomas. Nada disto é verdade. Os inmigrantes non provocan maior gasto sanitario (nin aquí nin no exterior) xa que son, na súa maioría, persoas novas e sas que veñen traballar e a gañar a vida (e si os ilegais non teñen contrato non é pola súa decisión: é o contratador quen incumple a norma). Ademáis este RDL nunca foi aprobado no CISNS; nin sequera foi discutido no Parlamento. Ao tratarse dun “Real Decreto” foi remitido directamente ao BOE polo goberno do PP, tras ser asinado polo Rei cazador de elefantes.

Menten. Menten sen reparos e sen remordemento. Porque, aínda que tamén o neguen, esta lei provocou e provoca moito sufrimento a miles de cidadáns coa saúde precaria e coa angustia de carecer de medios para facerlle fronte á doenza. Non lles importa. Só lles interesa o negocio e cumprir as instrucións do lobby empresarial. Cando pase o tempo electoral volverán, si non son desaloxados do poder, coas súas políticas de desmantelamento do Estado de benestar, co saqueo das arcas públicas.

 

2 comentarios:

  1. Abrazarán a todos os negros.
    Xa vimos a tenra foto de Esperanza Aguirre abrazando unha inmigrante negra ou mulata, de cor como se debe dicir en moderno.
    En breve será posible non só ver con que garbo saúdan estes personaxes de boas familias ás que venden peixe na praza ou a condutores de autobús, rebaixándose a darlle a man a xente que a ten estragada de traballar. Pero creo que o que se levará será máis ben abrazar a negros neste país de acollida que tan ben lles cura as feridas de concertinas.
    Non cesan de mentir. Con descaro, sen o menor rubor. Mostran agora como malo o que cualificaron de excelente, para volver implantalo despois. Fixeron diñeiro con todo; espoliaron, destruíron familias enteiras e presumen. De que? Como se atreven a tanto descaro?
    Non sobra ningún destes posts. Porque contra tanta mentira é precisa a verdade e o recordo do que fixeron, mero anticipo do que farán ao grande se se lles deixa. Non son "conservadores", pois non conservan nada; son feudais que queren converter a España nun país de servos. Non lles deixaremos.

    ResponderEliminar
  2. O que da medo é que ate o agora consentimosllelo
    Qué mais imos tolerar?

    ResponderEliminar