viernes, 9 de enero de 2015

Chegar a vello


En Nueva Tribuna
En Praza Pública



Hai trinta anos, cando traballaba en Estepona (Málaga),  publiquei un libriño titulado “Como llegar a viejo”. Agora, xa próximo aos sesenta, podería escribir cousas distintas porque teño a vellez máis próxima, pero o escrito daquela non perdeu a súa validez. Naquel entón prevalecía a consigna da OMS que pretendía “engadir anos á vida e engadir vida aos anos”. O obxectivo era construír unha vida saudable que nos permitise chegar a idades avanzadas con autonomía e coa capacidade de gozar dunha vida plena. Hoxe eses criterios cambiaron.

Agora prevalece o discurso do FMI, que considera a lonxevidade como un “risco financeiro”, polo que aconsella aos Estados e ás compañías aseguradoras que prolonguen a idade de xubilación, que aumenten as cotas dos seguros e reduzan os niveis de protección. En resumo: hai que traballar toda a vida -cada vez por menos diñeiro- e morrer pronto para evitar a creba das empresas de seguros. É tal a desfachatez desta organización (dirixida nos últimos anos por Rodrigo Rato, Dominique Strauss-Kahn e Christine Lagarde, todos imputados por motivos diferentes) que se atreve a facer público este discurso tan obsceno. Conseguir unha vellez plena e unha xubilación gozosa debería ser un obxectivo principal de calquera sociedade xusta. As políticas de protección social conseguiron que teñamos unha esperanza de vida elevada; as políticas de recortes impostas ao amparo da crise farán, con toda seguridade, que esta esperanza de vida se reduza. 

Os da miña xeración tivemos o privilexio de participar na construción dunha sociedade máis xusta e próspera. Aquela España insana e miserable da ditadura franquista camiñou, durante décadas, cara unha sociedade máis igualitaria, grazas ao esforzo e ao traballo solidario de moita xente. Non foi un agasallo do franquismo senón o resultado da loita social. Ben é certo que, xa entón, houbo quen se dedicou á especulación e á rapiña, á fraude e á corrupción. Estas bandas organizadas infectaron a vida pública, roubaron o diñeiro de todos e teñen envelenada a convivencia social. A mocidade terá que romper con todo isto, ten que expulsar da vida pública aos corruptos e impoñer regras de xogo e sistemas de vixilancia que impidan a propagación desta vileza.

Porque non é obriga dos mozos pensar na vellez (horizonte tan afastado, que chega tan pronto), pero si teñen o deber de protexer e mellorar o Estado de benestar que tanto custou construír ás xeracións precedentes e que agora a maquinaria infernal do capitalismo especulativo quere eliminar, para destruír unha sociedade de cidadáns libres e solidarios e substituíla por unha sociedade de castas con escravos sometidos ao traballo.

4 comentarios:

  1. Moitos vellos xa están condenados hoxe a situacións miserables nas que han de elixir entre alimentos ou medicamentos, ademais de facer fronte algúns á ignominia de ser desafiuzados das súas casas ou ao esforzo doutros de volver acoller nelas fillos e netos que non teñen traballo nin perspectivas de telo. Tales situacións son propias de cada vello e, xunto aos seus achaques, non favorecen que eles poidan cambiar as cousas.
    Efectivamente, esa tarefa recae na xuventude, unha xuventude que tivo ata hai poucos anos unha vida máis doada que a dos seus pais. Pero é triste ver como na xuventude máis desfavorecida un amplo sector é acomodaticio. Non é infrecuente a postura do "menos é nada" ante un paro escandaloso que fai ver case como lei de vida que haxa soldos miserables ou contratos por horas. Recentes movementos interesantes como "Podemos" xorden da universidade e basean a súa forza no cabreo asembleario pero parece que o esforzo dos dirixentes coñecidos e a súa capacidade dialéctica se quebra ante a pobreza intelectual dos líderes provinciais (lamentable a ausencia de discurso presenciada o outro día en V por parte dun secretario xeral galego), líderes necesarios que poderían, se soubesen, cambiar algo desta sociedade podre. Non abonda con cabreos; non abonda con falar de "a xente" coma se non fose diversa aínda que comparta fames; precísase reflexión baseada nun coñecemento mínimo do estado de cousas para cambialo, para melloralo.
    Unha sociedade que busca escravos acaba téndoos. Acaban de publicarse os datos sobre o nivel de lectura en España. O panorama é terrible: poderiamos dicir que, en xeral, non se le (sen entrar xa en aspectos cualitativos). Se en tempos se prohibía que os escravos soubesen ler, hoxe hai métodos sobrados para conseguir con máis eficacia o obxectivo do analfabetismo xeneralizado: "sálvames", "triunfiños", "marcas", videoxogos..., que alimentan o sono da fama inalcanzable cando non o da aventura fanática e que, en termos moito máis xerais, sosteñen o acomodo a unha situación inaceptable.
    Poderiamos dicir que Wert acelerou con éxito un proceso de analfabetización iniciado hai anos. O desmantelamento do ensino básico e universitario é a consecuencia. Pero ben, calquera mozo parado pode celebrar fichaxes millonarias de futbolistas para o club que admira. Iso acaba sendo o relevante en moitos casos.

    ResponderEliminar
  2. En resumen... que temos que ir morrendo.

    ResponderEliminar
  3. Como dice el insigne periodista don Miguel Angel Aguilar, hay que crear el Ilustre Cuerpo de Puntilleros del Estado.

    ResponderEliminar
  4. Esta crise recordounos ( ou é que tamén se acerca a madurez.....) a importancia dos nosos maiores, e incluso dos moi maiores. Eles aprenderon a facer sacrificios, a racionar os medios, a axudar ós demáis.... Debémoslles respeto e debemos defender o seu benestar, non afastalos da maquinaria social por non seres "productivos". Temos moito que aprender dos maiores.... Seguro que os citados Rodrigo Rato, Dominique Strauss-Kahn e Christine Lagarde e moitos "figuras" máis, teñen asegurada un retiro realmente dourado. E pensarán que o merecen máis que aqueles ós que lles roban os cartos, os dereitos, a vida...... Temos a obriga de tentar cambiar o sistema ... Por os nosos avós, pais, fillos...

    ResponderEliminar