Nun texto, xa clásico, do profesor Joan Benach
este afirmaba rotundo que “son as clases sociais máis desfavorecidas as que
morren antes, enferman máis, e teñen con maior frecuencia hábitos prexudiciais
para a saúde e peor calidade de vida”.
As desigualdades en saúde son un dos mellores indicadores para valorar
os logros sociais dun país. Este experto teno moi claro: a desigualdade prexudica seriamente a saúde.
Nun artigo
máis recente defende que “sen saúde non hai liberdade e sen liberdade non hai
saúde”.
Este mesmo autor, xunto con Montse Vergara e
Carles Muntaner, publicaron en 2008 un excelente traballo
no que afirman que a desigualdade en
saúde é a maior epidemia do século XXI, a principal “enfermidade” que
afecta ao noso planeta. A globalización
capitalista “aumentou as desigualdades sociais e de saúde ata extremos xamais
coñecidos na historia”. Neste tempo de inmoralidade e barbarie (onde domina a
cobiza e idolátrase o diñeiro) a pobreza e as desigualdades son inmensas,
escandalosas. É evidente que a pobreza afecta á nosa vida e a nosa saúde: “os
pobres enferman en maior proporción e morren antes que os ricos”. En Uganda,
200 de cada 1.000 nenos nados nos fogares pobres morren antes de cumprir os
cinco anos, mentres que nos países ricos só morren sete de cada 1.000. Pero
tamén “as áreas máis pobres da cidade de Glasgow teñen unha esperanza de vida
28 anos menor que as zonas máis ricas da cidade”.
Hai máis bibliografía que avala a relación
entre desigualdade e saúde. Os economistas e epidemiólogos británicos Richard
Wilkinson e Kate Pickett demostraron no seu libro "Desigualdade. Unha análise da (in)felicidade colectiva" (2009)
que existe unha clara relación entre a desigualdade en países de renda alta e a
incidencia de problemas sociais e de saúde (diminución de esperanza de vida,
aumento da mortalidade infantil, aumento de obesidade e da patoloxía
cardiovascular, incremento de patoloxía mental e consumo drogas, aumento da
violencia, maior porcentaxe de suicidios, etc). O libro "Por que a austeridade mata, O custo humano
das políticas de recorte" (2013) de Stuckler e Basu, incide nos mesmos
argumentos: a recesión global e o incremento da desigualdade afectan claramente
ao benestar físico e mental dos cidadáns.
As desigualdades sociais medraron de xeito
espectacular, a ambos os dous lados do Atlántico Norte, nas últimas décadas,
coa aplicación das políticas ultraliberais iniciadas polo tándem perverso Reagan-Thatcher, e que os seus actuais seguidores aplican con dilixencia en
beneficio da casta dirixente e prexudicando á maioría social. Un informe
da Fundación 1º de Maio revela que as políticas de recortes aplicadas neste
país intensificaron a pobreza ata alcanzar o 27 % da poboación. E o máis
terrible é que, neste contexto, ter emprego xa non é unha salvagarda ante as
situacións de pobreza; de feito o 12 % da poboación ocupada vive en fogares por
baixo do limiar da pobreza: existen cada vez máis os “traballadores pobres”.
Fronte ás condicións impostas polas elites
económicas e políticas dominantes hai unha crecente conciencia da necesidade
reducir a desigualdade social pois a actual situación, inxusta e cruel, pode
provocar, a curto prazo, situacións de grave conflictividade social. As desigualdades en saúde tamén poden reducirse e existe suficiente evidencia para
afirmar que “os sistemas sanitarios universais, con propiedade e xestión
públicas, baseados na atención primaria e unha elevada calidade de prestacións,
non só ofrecen mellores resultados de saúde senón que tamén son máis
eficientes, equitativos e humanos” (Benach).
Pero aquí, desde o poder, están facendo as cousas ao revés: suprimen a cobertura sanitaria universal, anulan o nivel de atención primaria e entregan a mans privadas a xestión dos servizos e os centros sanitarios.
Pero aquí, desde o poder, están facendo as cousas ao revés: suprimen a cobertura sanitaria universal, anulan o nivel de atención primaria e entregan a mans privadas a xestión dos servizos e os centros sanitarios.
A privatización e mercantilización da sanidade
non se realizan pola procura do ben común: son
os potentes grupos empresariais privados os que presionan para transformar o
SNS e crear novos espazos de negocio. Os lobbies das aseguradoras, das empresas de tecnoloxía sanitaria e da
industria farmacéutica actúan con persistencia para conseguir os seus
obxectivos. E colocan á súa xente en postos de mando da sanidade pública para
traballar no seu propio beneficio. Boi Ruiz, xefe da patronal catalá é o actual
conselleiro de Sanidade. El teno claro: na súa opinión a saúde é un ben privado
que depende de cada persoa e non do Estado e “non existe un dereito á saúde”.
Esta é a ideoloxía que sustenta as decisións políticas que levan ao
desmantelamento do sistema sanitario público. Non buscan a eficiencia nin a
calidade: só perseguen o lucro, a costa da saúde dos cidadáns.