martes, 29 de julio de 2014

Indignación e desobediencia


En Galicia Confidencial
En Praza Pública
En Nueva Tribuna


Indignádevos!”. O libro publicado en Francia en 2010 por Stéphane Hessel   (un exdiplomático nonaxenario que, na súa xuventude, fora combatente da Resistencia francesa), foi un chamamento público contra da indiferenza e a favor da insurrección pacífica. O autor recordaba, naquel panfleto, que só a partir de 1945, despois da traxedia da II Guerra Mundial, foi cando se creou en Europa a Seguridade Social e se instaurou o dereito á xubilación. Tamén daquela nacionalizaron as fontes de enerxía, a electricidade, o gas, as minas de carbón e os grandes bancos. Os dereitos laborais e sociais, que os máis novos poden pensar que existen desde sempre, foron instaurados a mediados do século pasado. Daquela os gobernantes europeos tiñan claro que “o interese xeral debía primar sobre o interese particular, e a repartición xusta das riquezas creadas polo mundo do traballo sobre o poder do diñeiro”.


Ese magnífico libelo converteuse nun texto inspirador para o Movemento 15M que, na primavera de 2011 encheu as prazas e as rúas de mocidade indignada que acusaba aos poderes económicos e políticos da súa situación precaria e reclamaban un cambio de rumbo: “nós, os desempregados, os mal remunerados, os subcontratados, os precarios, queremos un cambio e un futuro digno”. Nun manifesto de “Democracia real xa” lembraban que as prioridades dunha sociedade avanzada deben ser a igualdade, o progreso, a solidariedade, o libre acceso á cultura, a sustentabilidade ecolóxica e o desenvolvemento, o benestar e a felicidade das persoas. 


Xosé Manuel Beiras, veterano intelectual e político galego -que se considera membro dunha xeración derrotada-, publicou un magnífico libro (“Exhortación á desobediencia”, Laiovento 2013, que pronto será editado en castelán) no que tamén lembra que “estamos a vivir o final do ciclo aberto despois da II Guerra Mundial”. Este home, que anda xa preto dos oitenta, é un exemplo de conduta ética e de compromiso cívico. Cando xa estaba xubilado e retirado da actividade pública volveu á primeiro liña para propiciar unha rexeneración da vida política, tan necesaria neste país.  Neste libro proclama, coa súa excelente prosa, que “ a panxoliña de que non hai cartos é un embuste descomunal, porque hoxe en día hai máis cartos que nunca na historia da humanidade, só que están maiormente nas mans dos potentados delincuentes que non achegan un can ás arcas públicas”. Tamén sinala que o poder está localizado, de forma obscena, fóra das institucións políticas e sen ningún tipo de control democrático, e describe o espolio que está a padecer Galicia (espolio financeiro e enerxético, exterminio do campesiñado, expatriación forzosa da mocidade, ecocidio, exterminio da lingua e da cultura ) e afirma que a Autonomía galega está nas mans das “forzas de ocupación”. Fai unha elocuente exhortación á desobediencia: “é a  hora da cidadanía exercente como tal, é a hora da reconquista dos dereitos e as liberdades cívicas e políticas efectivas”.


 Neste país a crise foi usada como escusa polos poderes económicos e políticos para realizar unha auténtica contrarreforma social. Con extraordinaria celeridade suspenderon os dereitos laborais, están a desmontar o Estado de benestar e realizan un continuado saqueo das arcas públicas. A corrupción estrutural persiste na sociedade a centos de imputados continúan exercendo o poder político. Pero aquel movemento de indignación colectiva do 15M, heteroxéneo e plural, foi cristalizando, co paso do tempo, en movemento cidadáns máis organizados (Stop desafiuzamentos, as “mareas” en favor da sanidade e a educación públicas etc) e,  máis recentemente, naceu unha organización política, Podemos, que obtivo un grande apoio electoral e provocou unha enorme inquietude na dereita gobernante e na caverna mediática. 

En Galicia a irrupción de AGE nas últimas eleccións autonómicas –liderada por Beiras-, representou un impulso de aire novo no Parlamento galego. Agora, ante a proximidade das elección municipais, xorden movementos que espertan ilusión e que pretenden sumar forzas para desaloxar do poder aos actuais ocupantes. O manifesto Somos Maioría sumou numerosas adhesións en poucos días. Os asinantes afirman que “non estamos dispostos a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan”. Na Coruña medra  con forza, nos últimos días de xullo, unha Marea Atlántica que aspira a unha cidade sen corrupción e libre de especuladores; este movemento pretende crear un espazo para sumar forzas arredor dun obxectivo común: “acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia” hoxe en día secuestrada. Cómpre non esquecer que, se non nos movemos, seguirán a mandar os mesmos de sempre, no seu propio proveito.

jueves, 10 de julio de 2014

Farjas, Moliner e Ausbanc


En Praza Pública




Pilar Farjas Abadía é Secretaria Xeral de Consumo, no Ministerio presidido por Ana Mato, desde finais de 2011. Para ocupar ese posto deixou a Consellería de Sanidade de Galicia, onde estaba desde 2009. Antes de todo isto fixera carreira profesional no mundo da Saúde Pública acadando certa notoriedade como experta en vacinas. Tamén é coñecida polo seu fervor relixioso (Romay comparouna con Santa Teresa). No barrio de Labañou, na Coruña, aínda lembran os seus tempos de catequista. Mais isto non foi obstáculo para que apoiase medidas tan duras como o Real Decreto Lei 16/2012 (que exclúe da cobertura sanitaria a centos de miles de persoas), ou a resolución de setembro de 2013 (que obriga ao copagamento dos fármacos de dispensación hospitalaria aos crónicos con doenzas graves). Era tan cruel esta norma que as CCAA non chegaron a aplicala.

Ignacio Moliner Robredo é un alto cargo (director de comunicación) do BBVA. É concuñado de Pilar Farjas (irmá de Mercedes, casada con Fernando Moliner, irmán de Ignacio). Mais ese non é o único vínculo entre ámbolos dous. Moliner Farjas SL (posteriormente denominada Activitas Inversión Inmobiliaria SL) é o nome da empresa constituída polas familias Farjas e Moliner. A empresa participa en diversos negocios. Por exemplo: BBVA vende vivendas de Activitas. Unha das promocións de vivendas  da empresa Activitas figura entre as ofertadas na plataforma Anida (considerada o “banco malo” de BBVA); é unha promoción de 75 vivendas co nome de “Residencial Calcio” en Madrid.
Hai  membros da familia que obteñen outro tipo de beneficios: Concepción Moliner –irmá de Ignacio-, foi nomeada directora do hospital Miguel Servet de Zaragoza, cando levaba máis de tres anos no paro, despois de licenciarse en Medicina en 2006.

Xa vemos que a relación entre Moliner e Farjas non se reduce exclusivamente ao vínculo familiar. A asociación de consumidores Ausbanc ven de denunciar publicamente o que considera  “acoso por parte de Ignacio Moliner, que foi executado co apoio e colaboración de Pilar Farjas, presidenta de Aecosan (Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición)”. Esta organizacion asegura que existe unha “estraña coalición” entre ambos para prexudicar a Ausbanc; o certo é que poucos días despois de que unha sentenza do Tribunal Supremo (a instancias de Ausbanc) obrigara ao BBVA a eliminar as “cláusulas chan” das súas hipotecas, Aecosan, presidida por Farjas, admitiu a trámite unha denuncia de dito banco contra a asociación. 

Ausbanc está inscrita no REACU (Rexistro de Asociacións de Consumidores e Usuarios) desde primeiros de 2012, o que lle permite acceder a subvencións públicas e participar nas reunións do CCU (Consello de Consumidores e Usuarios), actualmente presidida por Manuela López Besteiro (que foi conselleira nos tempos de Fraga). Ausbanc, no seu escrito, é moi contundente con este organismo: “el CCU es la olla en la que se cuece el reparto de fondos en forma de subvenciones. Es un nido de corrupción”.  Despois do “acoso” realizado por Moliner o BOE publicou, no mes de maio, a expulsión de Ausbanc do Rexistro, “cando xa tiña solicitada a baixa voluntaria”. Se cadra esta historia non está completa, e outros poderían aportar máis datos. Pero Ausbanc finaliza o seu relato cunha conclusión: a clave está nos lazos familiares e económicos entre as familias Moliner e Farjas.