Introdución
do libro “La salud como negocio” (II)
Vicenç
Navarro
Catedrático
de Políticas Públicas, Universidade Pompeu Fabra, e Profesor de Public Policy,
Johns Hopkins University
Detrás dos recortes
do gasto sanitario hai outro obxectivo principal: o de agrandar o sector privado
a costa de reducir o sector público, outro tema central no libro “La salud como negocio”. Isto é o que
está ocorrendo masivamente en España, respondendo aos intereses do mesmo
capital financeiro que, aliado co complexo sanitario industrial, está
destruíndo a Sanidade pública. A evidencia existente, e amplamente documentada
neste libro, é robusta e abafadora.
Esta estratexia
privatizadora responde a un dogma, o
dogma neoliberal (promovido por un gran número de medios de información e
persuasión altamente influenciados, cando non controlados, polos intereses
financeiros da banca), que se reproduce a base de fe, e non de evidencia. En
realidade, cada un dos seus postulados pode ser facilmente destruído pola
evidencia científica existente, mostrada neste volume. Deles, o máis visible é
o da suposta maior eficiencia do sector privado sobre o sector público. O libro
documenta a falsidade deste suposto. En realidade, os entusiastas da
privatización deberían visitar e coñecer mellor o sistema sanitario máis
privado que existe hoxe aos dous lados do Atlántico norte, é dicir, o de EE.UU.
Naquel país, hai case un consenso de que o sistema sanitario é, ademais do máis
caro do mundo, o máis ineficiente, onde o número de intervencións cirúrxicas
innecesarias, por exemplo, é o máis alto do mundo desenvolvido. Pero ademais de
ser enormemente custoso e ineficiente é sumamente impopular. EE.UU. é o país
onde a porcentaxe de insatisfacción do cidadán co sistema sanitario é maior. E
como consecuencia do enorme poder que as compañías que se benefician máis do
sistema privado (como son as compañías de seguros) teñen sobre o Congreso de
EEUU, ningunha reforma pode levarse a cabo.
Este é o resultado de poñer
como motor do sistema sanitario o afán
de lucro. Tal obxectivo entra claramente en conflito coas necesidades da
cidadanía. E a experiencia internacional proba irrefutablemente a certeza deste
principio. Onde o afán de lucro predomina, a calidade da atención médica e a
satisfacción do cidadán diminúen. Dous indicadores mostran o extremo a que esta
situación pode levar a un país. En EE.UU. o 48% de pacientes que están morrendo
declaran estar preocupados por como, eles ou os seus familiares, pagarán as
facturas médicas. O grado de crueldade e inhumanidade deste dato define o
significado da aplicación do principio do afán de lucro.
O segundo feito é que a
mortalidade (estandarizada por diagnóstico e por tipo de paciente) é maior nas
institucións privadas, con afán de lucro, que nas públicas. E as causas son
fáciles de entender. O xestor do privado ten que optimizar os beneficios e faino
a costa das infraestruturas que garanten a calidade. Esta situación ocorre
tamén en España. O paciente dunha clínica privada -como a Teknon de Barcelona-,
que ten unha cama por habitación, moi ben amoblada e con gran comodidade para o
usuario, é enviado ao Clínico, hospital público, cando aquela clínica xa non
pode cubrir as necesidades de laboratorio e persoal que o paciente require. Hoxe,
a medicina privada con afán de lucro en
España é unha fraude. Parasita os servizos públicos, que son os que garanten
unha maior calidade asistencial.
É interesante subliñar que
as clases podentes, máximas valedoras dos partidos neoliberais, que cren
atendidas as súas necesidades sanitarias a través da medicina privada, non son
conscientes de que en caso de gravidade van ter a necesidade de acudir á
Sanidade pública, á cal as políticas do PP están empobrecendo. O que a Sanidade
pública debería ter é a comodidade e confort que ten a privada, ademais da
calidade da pública. Pero iso require un gasto público moito maior, ao que
ditas clases se opoñen.
O libro “La salud como negocio”, escrito por
autores de coñecido prestixio e competencia, é un dos mellores documentos que
se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na Sanidade pública. É unha
mina de información. Escrito dun xeito amena, fácil de ler e comprender,
conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade
na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de
referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un
mundo e unha Sanidade mellores. Debería ser unha lectura obrigatoria nas
institucións de ensino do país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario