lunes, 30 de septiembre de 2013

Desmontando a Sanidade Pública

En Nueva Tribuna
En Galicia Hoxe


Os expertos non teñen dúbida: o dereito á asistencia sanitaria gratuita para toda a poboación é un mecanismo moi eficaz para rachar o círculo da pobreza. Así o afirmaron nunha Asemblea Xeral da ONU celebrada nestes días pasados. A OMS calcula que cada ano hai uns 150 millóns de persoas no mundo que van á ruína por ter que pagar facturas sanitarias (nalgúns puntos de África unha cesárea pode custar 200 euros, cifra imposible para a grande maioría da poboacion). O coordinador de “Acción por la Salud Global”, Tim Roosen,  é contundente: “Si no se cumple el derecho a la salud para todos los ciudadanos, los Estados no prosperarán ni crecerán, y los pobres seguirán empobreciéndose cada vez más”. 


A OMS afirma que investir en saúde pública é rendible: atállanse as doenzas evitables e mellóranse os indicadores de saúde, producindo un incremento da capacidade laboral e da productividade. Tamén sabemos que investir en sanidade mellora o prognóstico do cancro; un estudo recente demostrou  unha forte correlación directa entre gasto sanitario e supervivencia ao cancro despois do diagnóstico: a máis gasto, a mortalidade é menor.

En España, a partir da Ley General de Sanidad (1986), promovida por Ernest Lluch, fíxose un longo camiño para conseguir a cobertura sanitaria universal de forma plena. O Sistema Nacional de Saúde (SNS), de cobertura universal e financiamento a través dos impostos, é un referente a nivel internacional. A “Organización Panamericana de la Salud” impulsa este modelo nos seus países membros. Mais aquí, pola actuación cruel e pertinaz deste goberno, estamos a facer o camiño en sentido contrario. No que vai de lexislatura o PP está a realizar unha demolición programada do SNS. Estas son algunhas das súas actuacións recentes:

1.- O RD Ley 16/2012 introduciu a obriga de diversos copagamentos que sobrecargan, de xeito insuportable nalgúns casos, as deterioradas economías familiares. O 16 % dos xubilados non poden completar os seus tratamentos, e son cada vez máis as persoas maiores que piden axuda para mercar as medicinas. Mais tamén deixou sen cobertura a perto dun millón de persoas que quedaron sen tarxeta sanitaria. Segundo Médicos del Mundo cada día 2.400 persoas quedan excluidas da cobertura sanitaria desde que comezou a aplicación deste decreto en setembro de 2012. Esta organización puxo en marcha unha campaña informativa –“Ninguén desbotado”-, para concienciar á poboación sobre a gravidade da situación. A supresión da atención sanitaria aos inmigrantes é unha decisión cruel e inxustificada: o dano provocado é inmensamente superior ao aforro conseguido. Mais tamén é unha medida insensata e perigosa: as persoas excluidas con doenzas transmisibles  poden representar un perigo para toda a poboación.


2.- O goberno do PP ven de enviar á UE o seu “Programa Nacional de Reformas. Reino de España 2013” para evidenciar a súa vontade de continuar cos recortes sociais. Segundo un informe da FADSP unha das partidas máis afectadas vai ser o Sistema de Atención á Dependencia: de 2012 a 2014, en tres anos, van aplicar un recorte de 2.220 millóns de euros. Quedarán sen atención 256.000 dependentes, ainda que “o obxectivo final é desmantelar todo o dispositivo previsto pola lei para permitir ás multinacionais dos servizos sociosanitarios apropiarse destes, como fixeron xa no Reino Unido”. 

3.- O pasado 19 de setembro o goberno publicou no BOE unha resolución pola que se obriga aos pacientes con doenzas crónicas graves (cancro, artrite reumatoide, hepatite crónica, esclerose múltiple etc.) ao pagamento do 10% do prezo por envase dos  fármacos de dispensación hospitalaria –que adoitan ser moi caros-. No preámbulo da resolución o propio goberno recoñece a gravidade e cronicidade das patoloxías afectadas.  Esta medida debería ser implantada polas autonomías a partir do primeiro de outubro, pero varias comunidades xa anunciaron que non a van aplicar. Os defensores do copagamento aducen dúas razóns para impoñelo: a función disuasoria e a capacidade recaudatoria. Mais non é posible evitar que estas persoas deixen de utilizar estes fármacos, sen pór en risco a súa saúde, e a recaudación económica vai ser insignificante para o goberno (hai un límite de 4.2 euros por envase) ainda que moi gravosa, e mesmo imposible de asumir, para os enfermos. 

Se non reduce o consumo nin recauda diñeiro: por qué aplica o goberno unha norma tan inxusta e cruel? Hai razóns ideolóxicas para impór estes castigos ás persoas máis necesitadas de axuda. A viceconselleira de sanidade de Madrid, Patricia Flores, preguntábase hai pouco: “¿Tiene sentido que un enfermo crónico viva gratis del sistema?  Tamén hai unha intención intimidatoria. Con estas medidas o goberno persigue crear unha situación de pánico colectivo; os propios afectados vense paralizados polo medo, superados por unha situación de desamparo e desprotección que os fai temer pola propia vida. Mais debe ser toda a cidadanía a que reaccione ante estas imposicións que nos retornan a un pasado que criamos superado. Porque, se non actuamos, algún día poderá tocarnos a nós.

OBREIROS NOS RAÑACEOS DE NEW YORK (1932). CHARLES C. EBBETS.






lunes, 23 de septiembre de 2013

“Se envellecemos xuntos”

En Praza Pública
En Galicia Digital


Hai case trinta anos publiquei un libriño con consellos para chegar a vello con saúde (“Llegar a viejo”, Estepona –Málaga-). Daquela a vellez era para mín un horizonte ben lonxano. Mais agora a maioría dos meus amigos pasan dos sesenta e alguns xa están xubilados. Naquel folleto aconsellaba sobre asuntos como a hipertensión, a diabetes, o colesterol, a obesidade. Son temas relevantes, sen dúbida, e o seu correcto control melloran o noso benestar. Mais agora sei que outros aspectos da vida son, se cadra, máis  relevantes para que poidamos ter unha terceira idade saudable e benefactora: o aprecio do teu entorno, a presenza da amizade, as ilusións compartidas, a participación na comunidade, a curiosidade pola vida, o afecto mútuo, a confianza de ter apoio cando se necesite... Tamén é preciso saber evitar a toxicidade de certas substancias e dalgunhas persoas. 


Nos últimos anos a esperanza de vida aumentou de maneira notable (82 anos en Galicia), polo que a vellez pode prolongarse, con fortuna, varias décadas. As  políticas de recorte aplicadas nos últimos tempos (copagamentos, reducción das pensións de xubilación etc.) introducen un alto grado de incerteza sobre o futuro mais, con todo, debemos procurar que esta etapa sexa prolongada e satisfactoria. Os expertos falan do envellecemento activo; trátase de procurar o maior benestar durante o maior tempo posible e reducir ou retrasar o inevitable deterioro que produce o paso do tempo. A saúde é importante para poder participar activamente na vida cotiá, sentirse útil e alimentar o afecto dos teus.

Na literatura e no cine hai numerosas referencias a esta etapa vital. Paul Auster, no seu Diario de inverno, fai un repaso das cicatrices, averías e descalabros que foi acumulando nos seus seis sesenta e cinco anos de vida. Tamén fala da súa carreira literaria, dos seus amores e da morte dos seus seres queridos, mais a preocupación pola saúde e polo desgaste da vellez están presentes en todas as páxinas. Rafael Chirbes, en La orilla, tamén fai referencias frecuentes ao envellecemento e as súas consecuencias. Esta novela describe, con dolorosa lucidez, o grave deterioro social, económico e moral provocado pola actual crise, mais tamén fai constantes referencias á morte e aos contratempos que trae a vellez e o deterioro da saúde (“como los cuerpos, las ilusiones mueren y apestan”, afirma).



Hai unha película maravillosa, “No Estanque Dourado” de 1981,  na que Henry Fonda e Katharine Hepburn interpretan a unha parella que pasa o seu tempo de lecer nun lugar paradisíaco. A relación entre os dous, as limitacións provocadas polos anos, os quebrantos da saúde e a presenza da filla e o neto trazan un relato maxistral que convida a reflexionar sobre o amor, a vellez e a morte. O cineasta Michael Haneke fixo unha extraordinaria película, Amour (2012), na que relata a vida dun matrimonio octoxenario, profesores xubilados, que levan unha vida plácida e tranquila ata o día en que ela sofre unha doenza que a fai depender por completo dos coidados dos demáis. O filme reflicte, con enorme sutileza e cariño, o día a día desta parella, na súa loita por continuar unha vida que, de repente, está chea de dificultades e sufrimento. A entrega amorosa e persistente do marido ao coidado da muller resulta enternecedora. No meu exercicio profesional coñezo moitos casos semellantes de persoas adicadas ao coidado de familiares dependentes cunha actitude próxima ao heroismo.


Con toda certeza existen moitas obras literarias que abordan o tema da vellez que eu non coñezo. Mais hai un texto polo que sinto especial estima. Trátase do poema “Se envellecemos xuntos”, de Xulio L. Valcárcel, que se pode escoitar en internet (e ver o vídeo poema) recitado por Xosé Fuentes. Agora ven de ser reeditado en papel (Edicións Galebook).  É un libro precioso -cunhas  ilustracións extraordinarias  de Xurxo Gómez-Chao-, co poema traducido a dezanove idiomas, ademáis do galego. Segundo conta o propio autor, este poema rematouno en 1978 e pasou desapercibido durante anos ata que, sen saber como, se converteu nunha lectura habitual nas vodas de prata e de ouro, tanto nas cerimonias civís como nas relixiosas. Non é de extrañar que os matrimonios utilicen este texto para a celebración ritual da continuidade da parella: trátase dun texto luminoso que contempla a vellez compartida como un horizonte optimista e desexable. Para os que non o coñezan deixo aquí algúns versos:



(...) Se envellecemos xuntos,
se recorremos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esvarar do tempo
inorde como un barco (...)

Compartirei o sal, o leito
e o abrazo,
saberei escuramente que o noso paso
polo mundo non é en balde.

Confundidos nun único latexo
acompasado,
seremos dous regatos marchando
nunha mesma auga,
dous lumes consumíndose
nunha soa chama,
dúas vagas acalando o seu fragor
na area final,
última praia.
Entre idas e voltas do azar
ou do destino,
ti serás a certeza.
 
Se envellecemos xuntos,
se te acompaño neste tránsito,
deixarei bolboretas lenes
nas túas pálpebras cansas,
escoitarei repenicar a chuvia
nas xanelas da nenez,
sentirei a túa voz
esmorecer en calma.

Bastarame para entendelo todo
A limpa mirada da túa luz sen ansia.

jueves, 12 de septiembre de 2013

Arde o Monte Pindo


En Praza Pública
En Galicia Hoxe


Foto: XM López Tuñas
O pasado domingo estivemos, cun grupo de amigos, na cima do Monte Pindo. Dende O Fieiro subimos ata Pena Moa. Era un día claro, cheo de luz. Alí estivemos un bo anaco, contemplando a inmensa beleza da costa -dende a praia de Carnota ata o faro de Fisterra- e o océano que se perde no infinito. Hoxe espertamos coa noticia de que o lume arrasa, baixando pola ladeira, dende O Ézaro –onde chega ata o mar- ata Caldebarcos, pasa perto das vivendas en Quilmas e Panchés, e deixa o territorio devastado. Os veciños estiveron toda a noite loitando contra o lume, defendendo as propias casas. (Tamén arde, dende onte, a miña terra natal de Negreira).

Foto: XM López Tuñas
A paisaxe que contemplamos hai pouco foi xa devorada polas lapas. Tardaremos moito tempo en recuperar a beleza daquel día. A “Asociación Monte Pindo” ven reclamando dende hai anos a declaración desta zona como Parque Natural, para conseguir unha maior protección  e promover medidas de desenvolvementos sustentable. Mais a Xunta de Galicia non soubo ver a prioridade da medida e non declarou ningun parque natural novo na última década. Agardemos que o dano causado agora non sexa irreparable.

Causa verdadeira tristura e desazón contemplar como, a pesar das numerosas advertencias e demandas, o abandono do monte en Galicia provoca que, ano tras ano, o lume arrase enormes extensións ante a inacción dos gobernantes. Hai anos, cando estaba na oposición, Núñez Feijóo fixo unha ridícula foto na que aparecía agarrado a unha mangueiriña. Agora sinala aos incendiarios como únicos causantes desta onda devastadora que está a queimar  a nosa xeografía. Pretende eludir a responsabilidade propia, a súa inacción ante o problema e a incompetencia do seu gabinete para desenvolver unha política forestal a longo prazo, que permita fixar a poboación no rural e recuperar o valor económico da terra e do monte. Semella que non lles importa ver a Galicia convertida nunha terra calcinada, donde as multinacionais da mineiría poidan actuar envelenando o territorio ata convertelo nun deserto inhabitable.  

O éxodo poboacional masivo, as terras de cultivo abandoadas e cubertas de maleza e os montes  convertidos en selvas impenetrables: estes son os elementos que  facilitan a extensión do lume e a actuación dos incendiarios. Ven de constituirse a “Asemblea Galega Contra o Lume” que, como primeira actuación pública, presentou tres mil sinaturas no rexistro da Xunta para demandar unha nova política forestal que reduza a vaga de incendios dos veráns. Recordan que en Galicia “co 7,7% da superficie forestal española, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada”. As políticas aplicadas ata o momento teñen demostrado a súa total ineficacia; a vixiancia policial e o endurecemento das medidas contra dos pirómanos non abondan. Este colectivo propón un decálogo de medidas para evitar danos irreversibles para a biodiversidade.


O responsable principal dos incendios é quen prende o lume. Mais toda a sociedade temos a responsabilidade, ante a Humanidade enteira, de protexer o noso territorio e a súa riqueza forestal e biolóxica. E as autoridades políticas teñen a responsabilidade máxima de impulsar políticas que permitan a protección e pervivencia do noso hábitat. Deles depende, de maneira principal, que deixemos aos nosos sucesores a herdanza dunha terra habitable e con futuro ou dun páramo calcinado e sulcado polo veleno inxectado polas minas na canle dos ríos. Cómpre actuar con dilixencia: cada ano que pasa as feridas fanse máis profundas.