jueves, 18 de julio de 2013

Adeus, Muruzábal



Neste tempo inclemente no que predomina a mentira, a indecencia, a corrupción sistémica e a democracia violada, as persoas como José Luis Muruzábal fanse imprescindibles. Este navarro noble, idealista e comprometido finou antonte (16-07-2013) na Coruña despois dunha longa enfermidade. Esta morte prematura deixa un baleiro imposible de ocupar, pero a súa figura seguirá sendo un referente ético e vital para moita xente. Foi un home de esquerdas e tivo unha vida de absoluta coherencia coas súas conviccións.
A política hoxe está desprestixiada; os cidadáns valoran de xeito negativo aos actuáis dirixentes. A desconfianza está instalada no tecido social. Cada vez semella máis evidente que unha facción organizada ocupa o poder público para obter lucro privado. Pero houbo un tempo recente no que a política era unha ocupación respectada exercida por persoas cualificadas e xenerosas que, na vez de utilizar as súas capacidades para o enriquecemento persoal, comprometeron a súa vida para a construcción dunha sociedade máis equitativa, solidaria e xusta. Unha desas persoas, que se adicou a contribuir ao ben común, foi Muruzábal.
Chegou a Galicia nos primeiros anos setenta e deseguida se comprometeu na loita sindical. Acadou notoriedade pública cando se subíu á cheminea da central térmica de As Pontes (daquela a máis alta de Europa, cunha altura de 356 metros) durante un conflicto na empresa. Foi moi activo na reconstrucción do movemento obreiro en Galicia e coñeceu o cárcere. O seu compromiso político canalizouno a traveso do Partido do Traballo, co que chegou a ser candidato. Como abogado laboralista actuou en defensa da clase obreira en numerosos conflictos. Os dereitos laborais e a protección social –que tivemos nas últimas décadas e agora nos arrebatan a forza de decretos-, conseguíronse co esforzo e o sacrificio de xente como él.
Desde os anos oitenta adicou unha grande parte da súa enerxía –inesgotable- a impulsar a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), que realiza un labor moi positivo para fomentar a autonomía persoal e favorecer a integración e inserción social e laboral das persoas con problemas psiquiátricos. Como presidente desta entidade empregou todo o seu entusiasmo para conseguir que a sociedade non esqueza a este colectivo. Actualmente APEM conta con 800 socios e presta atención a máis de cincocentas persoas.
Este home vital e de verbo desbordante camiñou pola vida cunha actitude de entrega aos demáis, sobre todo aos traballadores e aos máis desfavorecidos; a súa conducta xenerosa e valente deixou unha fonda pegada nas persoas que compartiron os seus proxectos. Hoxe os seus amigos, multitude, lamentan a súa ausencia. Mais a súa traxectoria e o seu legado deben servir como exemplo para perseverar na loita por un mundo mellor e máis xusto, combatendo a vileza e a ruindade que hoxe imperan na vida pública.  


Che Turnes, amigo persoal de Muruzábal, fixo esta emotiva crónica que reproducimos a continuación:

Ata logo Muru; eu de maior quero ser coma ti.



 

Eu non coñecin a Muru na revolución política e sindical; coñecino na vida cotiá. Nunca militamos na misma organización; él formaba parte da esquerda espoñolista e eu da nacionalista galega. Coñecino no ano 1979 porque coincidimos vivindo no mismo portal,  no Temple (Cambre). Deseguida os alcumamos co apodo de “os petos” por militaren no Partido do Traballo (PT).

Non tardamos en levarnos ben  con o Muru e as súas mulleres, (Toni -a de verdade-, Mercedes, a cuñada, Rebeca, filla de Mercedes, e a tía Lela e mais sua irmá).  Luis e Toni estaban criando  a súa prole, como todos os demais veciños,  e  o Muru semellaba un taxista, carrrexando na sua tropa sen rechistar e con cara de boa xente. Él seguia na sua revolución sindicalista dos obreiros e na politica e eu no sindicalismo labrego e nas cooperativas; ali, naquela casa do Temple, naceron os seus fillos, Antía e  Joseba, e os nosos,  Cibrán e Paula.

 Un bo dia enterámonos de que rematara a carreira de Dereito, e non tardaría en marcar un estilo propio defendendo aos traballadores dende o seu bufete, trocando éste polas fabricas e as estadas. Pouco tempo despois o Muru, que nunca era indeferente aos problemas do seu entorno, comezou a botarlle unha man no traballo á sua compañeira Toni para organizar a un dos colectivos máis vulnerables da sociedade, como son os enfermos mentais. Luis, sin pretender notoriedade, implícase tanto que rematou sendo o “alma mater” da asociación destes enfermos.

Por circunstancias da vida houbo un paréntese na nosa relación que, despois  dun tempo, voltamos a recuperar. Organizamos xantares para falarmos do mundo e das nosas vidas, ás que se incorporou, de vez en cando, o común amigo Benigno Sánchez. Luis falaba sin parar e encandilábanos coa sua palabra, pero non deixaba meter baza. Propuxenlle un trato: eu sentaríame  sempre en fronte del  e, a cada pouco, dáballe unha patadiña por debaixo da mesa para poder falar nós. Él baixaba a vista, poñía cara de santo, cruzaba os brazos e calaba. Case sempre, eu, en vez de utilizar o meu turno, dábame un ataque se risa e o Muru enganchaba de novo e nós voltabamos a disfrutar escoitando os proxectos para a Asociación e para rexenerar a política.

Luis, tiña a extraordinaria cualidade de ver algo positivo en tódolos seres humanos; sempre foi un home de esquerdas, pero  procuraba o mellor  de Fraga, Paco Vázquez,  Feijóo ou Negreira para tender pontes de colaboración e aproveitar a axuda que puidesen darlle. Era tal a súa capacidade de seducción que todos quedaban prendados da súa persoa.

Él, sempre mantivo a relación cos vellos amigos e coa tribu navarra, disposto a botar unha man e a deixarse querer. O noso Luis Muruzábal foi un home feliz e axudou a selo a todo o seu entorno. Deixa un legado de moito valor. Eu teño varios amigos cos que me une un grande amizade, pero él, ademais de amigo, sempre foi unha referencia. A súa coherencia persoal, familiar e social e a súa xenerosidade obligabanme a reflexionar sobre o meu comportamento.
 

Durante a súa enfermidade vímonos con  frecuencia; él, en vez de poñerse a dar pena, seguía na militancia social e trataba de aproveitar as conversas para impulsar novos proxectos. Él sí que foi un emprendedor, e sen ánimo de lucro. Foi un pracer ser amigo seu e seguilo sendo de Toni, Antía, Joseba, Mercedes…. De tal pau tal astilla: “os petos” do primeiro, resultaron ser unha xente maravillosa.

Bueno Luisito, ti e eu nacemos na Idade Media  e vivimos unha vida moi intensa e longa; os teus 66 anos supoñen mais de trecentos para un humano normal. Donde queira que esteas sigue marabillando coa tua palabra e co teu traballo. Algún día eu tamen irei para aí, buscareite e recuperaremos as nosas tertulias; ti dirasme en que  proxectos andas metido e eu, depois de contarche as novas deste mundo, poreime a traballar contigo, porque de tí aprendin a ser feliz traballando para mellorar  calquera dos mundos nos que nos toque estar.
Amigo Luis, unha forte aperta e ata que nos vexamos.

O teu amigo Che Turnes. 

1 comentario:

  1. La mentira y la corrupción han existido siempre, pero es verdad que ahora esas dos lacras parecen más escandalosas que nunca, porque ocupan demasiado espacio. A lo mejor es porque señalan que es tiempo de cambiar las cosas.

    ResponderEliminar