martes, 19 de marzo de 2013

Cinco historias breves


En Galicia Confidencial


Unha. Celia é unha muller case centanaria. Vive acollida nunha residencia desde hai tempo, pero os familiares visítana con frecuencia.  O ano pasado estivo ingresada no hospital por un problema cardíaco. Agora utiliza unha cadeira de rodas, pero antes  saía tódalas tardes tomar un café coas súas amizades.  Hai uns días tiven que facer un informe médico acreditando que estaba viva, pois a familia decatouse de que, desde o pasado mes de outubro, deixaron de ingresarlle no banco a súa retribución de pensionista. En algún despacho da Administración decidiron que xa tiña vivido dabondo e suspendéronlle a prestación económica. A responsable da residencia na que vive díxome que non é un caso único: xa lles pasou noutras ocasións con persoas de idade avanzada.

Dúas.  Elvira ten agora sesenta anos. Desde hai cinco, cando perdeu o seu último traballo, adícase en exclusiva a coidar a dous irmans –que superan os cincuenta-, cunha minusvalía psíquica importante, recoñecida oficialmente, que os fai dependentes na vida diaria. Cando deixou de percibir o paro acolleuse como beneficiaria na tarxeta sanitaria dun dos irmáns (pensionista), e tiña dereito á prestación farmacéutica gratuita. A Xunta ven de retirarlle a tarxeta de beneficiaria polo que recupera a condición de activa. A súa situación neste momento é a seguinte: é a coidadora de dous dependentes, cos que convive, non ten prestación económica e debe pagar os medicamentos na farmacia. Cada mes gasta arredor de cincuenta euros: unha auténtica fortuna para quen carece de ingresos e debe sobrevivir coas pensións non contributivas da familia.

 Tres. Rita é unha muller rumana, casada cun galego, co que ten dous fillos. Viven na Coruña desde hai anos. Agora só traballa o marido e ela adícase á crianza dos nenos. A súa nai Olga, que vivía en Rumanía, enviudou hai uns meses, polo que decidiu vir para vivir coa súa filla e os netos. Ten unha doenza cardíaca, é diabética, e atópase afectada psicolóxicamente.  Ao chegar solicitou atención sanitaria pero foille denegada: debe acreditar que leva vivindo na comunidade máis de seis meses de forma continuada. Mentres tanto non poderá acudir ao médico de familia para realizar o necesario control dos seus procesos e terá que pagar íntegramente a medicación. 

Catro. Iván tivo unha infancia feliz, moi protexido e apoiado polos seus país. Na adolescencia fíxose máis rebelde, non conseguíu un rendemento escolar adecuado e chegou, con vinte anos, a sentirse fracasado. Precisou, nun momento dado, de apoio psicolóxico pero, con vintecatro anos comezaba a sentirse satisfeito coa vida cando consigueu traballo e recibiu o primeiro salario. Con esa idade morreu, ao caer desde unha fiestra situada nun quinto piso. Estaba só na casa. Non houbo testigos. Todos quixemos crer que se tratara dun accidente. Pasaron dous anos. Os pais precisaron tratamento psiquiátrico, xa que a dor pola perda foi insoportable. Agora están nunha situación económica difícil despois de que él perderá o traballo. Acudiron ao banco para solicitar o cobro dun seguro de accidentes asinado tempo atrás a nome do fillo morto. Despois de numerosos trámites o banco e a compañía aseguradora denéganlles dita prestación alegando que, dados os antecedentes de Iván, interpretan que se tratou dun suicidio, polo que non terían dereito á indemnización estipulada.

Cinco. Unha muller de 81 anos morreu  a primeiros de marzo no servizo de Urxencias do hospital de Vigo, despois de agardar tres horas para ser atendida.  Os representantes dos traballadores denuncian a política de recortes que provoca un grave incremento das demoras, a saturación continuada das Urxencias e  a sobrecarga dos profesionais, que traballan nunhas condicións que dificultan unha atención adecuada. Núñez Feijóo, cando fixo referencia a este suceso por primeira vez, sinalou aos profesionais: declarou que era necesario indagar “se houbo un erro no diagnóstico previo” da doente e se, polo tanto, se podería ter evitado o deceso.

Epílogo. Cando a propia Administración vulnera a legalidade vixente, cando os responsables públicos dictan normas e elaboran leis que deixan no desamparo e á intemperie a persoas maiores, aos enfermos, aos dependentes e aos máis necesitados, é que algo falla. Cando os bancos e as compañías aseguradoras poden eludir o seu deber de pagar as deudas e mesmo provocar, de xeito impune,  un dano moral irreparable a persoas indefensas, é que a sociedade funciona mal. Temos unha sociedade enferma que non pon os medios para protexer aos máis vulnerables; e temos uns dirixentes que, coas súas decisións e a súa displicencia, axudan a afondar no sufrimento e a provocar máis desamparo. Algo teremos que facer para defendernos de tanta insania.

3 comentarios:

  1. Impresionante. Lo es porque, aunque ya no sorprende, sigue impresionando la descripción de casos concretos de aquí y ahora. Terribles, especialmente terribles porque son reconocibles en la proximidad.
    La conclusión parece de una lógica aplastante: "Algo teremos que facer para defendernos de tanta insania", al apuntar a la opción ética ineludible.
    Ahora bien, ¿Qué es ese algo? El autor del post ya responde con su propio blog en el que denuncia, en tiempos de servidumbre, lo que está mal, tomando una actitud valiente.
    Frente a la normalidad del mal, a su banalidad, este blog es un revulsivo refrescante que... inquieta, pues hace que uno se sienta muy incómodo estando quieto.
    No parece fácil que se logre un movimiento de masas que cambie toda esta "insania", pero sí es posible que cada uno contribuya un poco a eliminarla.
    Quizá baste con la actitud rebelde. Quiza baste con decir sí o no cuando hay que decir sí o no ante determinadas cosas.
    Desde nuestra posición de médicos podemos hacer o no hacer mucho para que todo esto cambie.
    Los escándalos que suponen espacios de urgencia hospitalaria propios del tercer mundo lo son para éste y para el nuestro, y la responsabilidad de lo que pasa allí (es sólo un ejemplo) no sólo es de los políticos. También de los médicos que callamos ante la barbarie.

    ResponderEliminar
  2. A situación é tal cal a describes con estes exemplos pero poderían poñerse moitos mais. Lamentable. Os gobernantes intentan desacreditar a Sanidade Pública en beneficia da ptivada; en mans de familiares, amigos e "sobreros"

    ResponderEliminar
  3. Efectivamente algo teremos que facer para defendernos, o máis terrorífico ainda do que nos contas, casos que seguramente son un granciño de area.... o máis terrorífico, insisto, é ver a pasividade con que nos imos amoldando a toda esta perda constante de dereitos e que incluso se ve xustificada en aras dun empeoramento sen solución, como un mal menor do que realmente podería ser. Hai moi pouco tempo estiven lendo "Las uvas de la ira" ambientada en 1930 cando nos Estados Unidos sufre unha gran crisis económica tralo crak do 29, arrepía ver a similitude de empeoramento social e económica nunha sociedade sin culpa ningunha e donde os auténticos culpables enriquecíanse máis ainda aniquilando a sociedade máis desfavorecida e indefensa .......
    Concordo con Javier en que non parece fácil que le logre un movemento de masas que cambie toda esta "insania" pero sí que podemos, cada un dende o seu lugar, contribuir un pouco a eliminala.
    No meu povo hai un dito " O gran non fai graneiro, pero axuda ao compañeiro" Estou certa en que iso é así, así que creo que un número importante de individualidades pode chegar a ser xérmolo.

    ResponderEliminar