lunes, 30 de julio de 2012

A contrarreforma sanitaria

En Galicia Confidencial

A crise económica é utilizada como escusa polo actual goberno (e polas autonomías afíns) para realizar profundos recortes na sanidade pública que están a producir un impacto notable na calidade asistencial e nas condicións laborais dos sanitarios. O obxectivo real non é reducir o gasto público senon conseguir o desvío de parte dos orzamentos cara petos privados. Non tratan de procurar a eficiencia nin de garantir a continuidade do sistema, como afirman de forma enganosa; o que pretenden é crear espazos de negocio que permitan xerar ganancias a expensas do diñeiro público.

Xa decía Naomi Klein (“La doctrina del shock”) que cómpre debuxar escenarios de catástrofe –reais ou imaxinarios- que provoquen o pánico colectivo e que permitan adoptar medidas prexudiciais para amplias maiorías sen que éstas ofrezan resistencia, paralizadas polo temor e a desunión. O medo a un futuro peor e a imposición da política de recortes como única posible produce un efecto anestésico que aborta a reacción popular. O pensamento ultraliberal elaborado en diversas factorías (FMI, Faes, Fundación Idis, Fundación Bamberg etc) e divulgado polos medios de comunicación afíns –a inmensa maioría-, é asumido pola poboación de xeito resignado, como unha verdade absoluta. 

No terreo sanitario presentan un argumentario tan simple como falso. Baséanse en dúas falacias:  que o actual sistema sanitario é insustentable (non é certo: a porcentaxe de PIB adicada á sanidade é das máis baixas do mundo) e que a xestión sanitaria privada é mellor que a pública (hai estudios que certifican o contrario: Sally Ruane, Vicenç Navarro, Sánchez Bayle etc). Afirman que a crise obriga a realizar recortes; por eso cómpre eliminar servizos públicos, reducir o estado de benestar, precarizar o emprego e limitar ao mínimo os dereitos laborais. Estas medidas, aplicadas con dilixencia (e mesmo con crueldade) polo actual goberno non conducen á saída da crise senon ao seu agravamento. Mentres tanto, as quenllas da economía especulativa seguen a engordar os seus patrimonios persoais. 

 

O que precisa a sanidade en momentos de crise non é reducir presupostos, persoal,  servizos e calidade asistencial. Pola contra, deberían reforzar o sistema público -priorizando a Atención Primaria- para garantir unha correcta atención aos sectores sociais máis castigados pola precariedade económica. Pero non é así: hai unha estratexia global que pretende degradar o actual sistema sanitario (recoñecido como ún dos mellores do mundo) para crear espazos de negocio: a privatización do aseguramento, a construcción e xestión dos hospitais, a tecnoloxía sanitaria, os servizos informáticos etc.

O Real Decreto Ley 16/2012, aprobado polo goberno de Rajoy por vía de urxencia, furtando o debate parlamentario, supón un auténtico atentado contra do actual sistema sanitario, unha bomba en plena liña de flotación. De xeito hipócrita sinalan que son medidas urxentes para “garantizar la sostenibilidad del Sistema Nacional de Salud (SNS)”. Trátase de todo o contrario. Ademáis de obrigar ao copagamento nas medicinas e noutras prestacións (próteses, transporte sanitario etc), esta lei introduce cambios que representan unha auténtica contrarreforma sanitaria. Vexamos algúns contidos desta norma.

-A saúde como un dereito dos cidadáns quedou estabelecido na Lei Xeral de Sanidade en 1986. Iniciouse un longo camiño para dar cobertura sanitaria a diversos colectivos daquela desprotexidos, coa pretensión de universalizar a atención sanitaria a todos os habitantes do Estado español. Agora esta lei recupera a figura do “asegurado” que será quen teña dereito aos servizos sanitarios. Deste xeito as persoas que non coticen á Seguridade Social quedarán sen protección. Esto é unha volta ao pasado e significa a perda dun dereito que considerabamos sólido e definitivo. Agora deixan sen cobertura aos inmigrantes sen papeis, o que representa un atentado contra dos dereitos humanos e un serio problema para a saúde pública. Outros colectivos poderán quedar tamén sen dereito á atención sanitaria: os mozos maiores de 26 anos que xa non poden figurar como beneficiarios na tarxeta dos pais, os divorciados/-as que non teñan cotizado etc. 

-Esta lei tamén estabelece tres niveis na carteira de servizos do SNS: básico, suplementario e accesorio. Ata o momento a relación dos servizos asistenciais ofrecidos polo sistema público era única e xeralizada para todo o Estado, sen chanzos diferenciados. Esta nova catalogación vai no camiño de que o sistema público quede, no seu momento, como provisor dos servizos básicos, deixando os outros niveis como optativos para aqueles cidadáns que contraten unha póliza privada para cubrir ditas prestacións. Só lles queda por aprobar a desgravación fiscal dos seguros privados (que reclaman con insistencia as aseguradoras) para redondear o negocio, e para volver á sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres). 
Esta é a sociedade que está a construir este goberno capitaneado por Rajoy. Non é a crise a responsable deste porvir ameazante, son as decisións políticas do grupo gobernante as que nos condenan a este futuro. A ideoloxía ultraliberal e supremacista que inspira estas normas está a provocar o regreso a un pasado que criamos vencido e sen retorno. Haberá que facer todo o posible para desvialos deste camiño.


miércoles, 18 de julio de 2012

Vidas exemplares

En Praza Pública

Na escola da miña infancia facíannos ler as “Vidas exemplares” de santos e mártires para que nos servisen de guía no camiño da salvación. Algunhas historias eran interesantes mais outras deixábannos o corazón encollido no peito: os desafíos do demo, as macabras torturas dos mártires e a ameaza das lapas do inferno inundaban moitas veces os nosos pesadelos. Agora non son precisos os curas de sotana graxenta e maus pegañentas para ameazar coa eternidade do averno. Agora infúndennos terror os tafures dos mercados financeiros, que xogan co noso futuro no gran casino da economía especulativa, e os ministros de Rajoy, que gozan anunciando cada semana crueis recortes e novas desgrazas para os cidadáns. Lévannos cara o abismo, mais eles sorrín con desprezo e aplauden con entusiasmo no Parlamento.
Eu propoño, a quen queira emprender a tarefa, a redacción dunha nova serie de “Vidas exemplares”, para coñecer un pouco máis aos protagonistas principais desta crise que ameaza con arruinar a nosa vida presente a o futuro dos nosos fillos. Porque esta crise global ten protagonistas locais que actúan, segundo lles conveña, no terreo da política ou da economía especulativa. O obxectivo é amasar fortunas persoais mediante o saqueo das arcas públicas. Tampouco teñen reparos en realizar engaños masivos nas entidades financeiras e maniobras especulativas de alto risco que provoquen a quebra bancaria: xa virá o Estado a reflotar os bancos co diñeiro de todos. Propoño as seguintes figuras para comezar a serie:

-Rodrigo Rato. Foi ministro de Economía (1996-2004) con Aznar; daquela entregaron as cinco grandes e moi rendibles empresas públicas españolas -Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera e Repsol- a cinco homes da súa confianza persoal (Telefónica foille entregada ao compañeiro da infancia de Aznar, Juan Villalonga, quen logo deixou o cargo e foi vivir a Miami no 2000 cunha indemnización multimillonaria). Esta manobra, que fixo perder ao Estado unha importante fonte de ingresos públicos, pode entenderse como unha auténtica expropiación que puxo estas empresas privatizadas ao servizo do Partido Popular. Naquel tempo tamén lle deron un decisivo impulso á burbulla inmobiliaria, que ninguén soubo frear despois, ata que estoupou (agora temos un territorio desolado, con miles de vivendas inacabadas e sen habitar, aeroportos sen avións, autopistas sen tráfico e parques industriais valeiros e invadidos pola maleza) .
Rato tiña un gran peso naquel goberno e chegou a figurar como posible substituto de Aznar na presidencia. Ao non acadar dito obxectivo deixou a política e foi o director do FMI ata 2007. Este organismo, baixo o seu mandato, emiteu informes favorables sobre a situación económica mundial cando a crise estaba xa a producir os seus primeiros efectos. Un documento interno do FMI sinala que vivían instalados nun falso optimismo que non lles permitiu previr a depresión económica.
Máis recente é o seu paso por Bankia. Este banco, moi ligado a persoeiros do PP, foi presidido por Rato ata maio de 2012, cando pasou a ser controlado polo Estado debido ao seu precario estado financeiro. En xullo Rodrigo Rato foi imputado pola Audiencia Nacional por malas prácticas na xestion de Bankia, xunto con toda a cúpula directiva. Houbo quen dixo, con sarcasmo: Rato confirma a teoría da evolución; o que seu pai conseguiu en 13 anos a él só lle levou dous (en 1953 o pai de Rodrigo Rato mercou o banco Siero e acabou no cárcere tras a súa quebra en 1966).

-Luís de Guindos. Este home de xesto adusto e ollada desafiante era a man dereita de Rodrigo Rato nos gobernos de Aznar. Foi un artífice principal das decisións políticas e económicas que acabo de reseñar. No ano 2003 afirmaba en ABC: “En España no hay burbuja inmobiliaria, sino una evolución de precios al alza que se van a ir moderando con más viviendas en alquiler y más transparencias en los procedimientos de urbanismo”. Despois da derrota electoral en 2004 pasou ao sector privado. Ata 2008 foi un alto cargo na compañía americana  Lehman Brothers, a que envelenou a banca mundial con productos tóxicos, actuando como principal desencadeante da actual crise económica. Cando quebrou esta entidade financeira pasou a formar parte do equipo directivo da consultora PwC (responsable, entre outras actuacións, da adxudicación do hospital privado de Vigo) namentras colaboraba coa fundación FAES na elaboración do discurso económico do PP que agora, como ministro de Economía, se encarga de aplicar con man dura: recorte drástico do gasto público, reducción á mínima expresión do Estado do benestar, privatización das empresas públicas e supresión dos dereitos laborais.

-Cristóbal Montoro. Este andaluz con sorriso de coello (de qué se rí cando anuncia novos impostos e máis recortes para os traballadores?) xa foi ministro de Facenda con Aznar. Home valente e decidido donde os haxa, hai poucos meses, cando estaba na oposición, afirmou en público: “Que caiga España, que ya la levantaremos nosotros”. Nesa tarefa anda agora, ainda que ten o compás averiado pois é capaz de decir unha cousa e a contraria sen mudar o sorriso dos beizos.
Hai pouco, despois de aprobar a subida do IVE –medida que sempre criticara durante a campaña electoral-, dixo que “si pagaran el IVA quienes lo tienen que pagar no habría que subirlo tanto”. Esqueceu don Cristóbal que, despois de deixar o ministerio, montou un influinte despacho denominado “Montoro y Asociados” que se adicou durante anos a asesorar a empresas e contribuíntes ricos co obxectivo de pagar o menos posible á Facenda Pública. Coa axuda doutros ex-altos cargos do seu ministerio colaborou na fraude fiscal axudando aos máis poderosos a burlar as inspeccións de Facenda e a conseguir a anulación de expedientes contra dos seus clientes. Despois de varios anos de adicarse a este lucrativo negocio volveu a ser nombrado ministro de Facenda. Ironías da vida. 

-Dolores Cospedal. Esta muller ten demostrado unha capacidade de traballo desmesurada. É capaz de exercer simultáneamente varias tarefas de elevada responsabilidade (presidenta de Castela-A Mancha, secretaria xeral do PP, presidenta do PP da comunidade e diputada autonómica) sen despeitearse. Non é de extrañar que sexa unha das persoas con maior remuneración do país: en 2010 declarou ingresos superiores a 200.000 euros.
Unha das primeiras medidas anunciadas por esta audaz política, cando chegou á presidencia de Castela-A Mancha, foi a privatización dos hospitais públicos desta comunidade. Nese proceso levan meses traballando. Dase a casualidade de que a empresa que ten máis posibilidades de recibir esta adxudicación é Capio Sanidad, grupo con fortes lazos con ex-altos cargos do PP e no que exerce un cargo directivo o seu propio marido Ignacio López de Hierro.
Nos seus discursos aparece como unha firme defensora da austeridade, mais este tempo de crise  non lle impide a dona Dolores mercar unha luxosa mansión na elitista urbanización Los Cigarrales de Toledo, valorada en 2,3 millóns de euros. Esta “casa-búnker” está sendo rehabilitada pola empresa Arción, que casualmente traballa para o goberno que ela preside e ten recibido nos últimos meses varias concesións para diversas obras públicas. 

-Andrea Fabra. Esta diputada era unha absoluta descoñecida ata que, de xeito sorprendente, foi quen de resumir en tres palabras o ideario do Partido Popular: “¡Que se jodan!”. Así o exclamou, nun impulso irracional e pouco meditado, cando o seu xefe estaba a relatar, con voz cansina, a relación completa das desgrazas que seguirán a caer sobre os cidadáns e os traballadores.
É filla de Carlos Fabra, ex-presidente da diputación de Castellón, imputado por numerosas causas, que quedará na historia como promotor do primeiro aeroporto sen avións do mundo (presidido por unha enorme estatua inspirada na súa figura) e tamén pola súa fortuna: recibeu numerosos premios na Lotería Nacional. Andrea casou con Juan José Güemes, quen foi varios anos man dereita de Esperanza Aguirre ata que decideu adicarse aos negocios. Viven na exclusiva urganización madrileña de La Finca e teñen como veciño ao capo da Gürtel, Francisco Correa.
Pero o seu gran mérito foi atopar a frase definitiva para definir a actuación política deste goberno, que castiga á maioría dos cidadáns mentres protexe e ampara a especuladores, empresarios corruptos, os que acumulan diñeiro negro, aos correlixionarios e aos defraudadores. “¡Que se jodan!”: os traballadores, os parados, os pensionistas, os enfermos, os inmigrantes, os mozos, os dependentes, os pobres, os minusválidos; que se queden todos sen futuro, que o noso xa está amañado. Esa é a súa filosofía.

jueves, 5 de julio de 2012

Rajoy e a desigualdade

En Praza Pública

As medidas adoptadas polo goberno para afrontar a crise converteron a España no país da eurozona con maiores desigualdades de renda. Así o afirma Fernando Salgado nun artigo (La Voz, 01-07-12): “o custe da recesión recae sobre o lombo dos traballadores asalariados e das capas máis humildes da sociedade”. Somos campións de Europa no fútbol mais tamén somos os primeiros noutra clasificación: España é o país da zona euro con maior distancia entre os máis ricos e os máis pobres, o máis desigual dos 17 países que comparten moeda única.  

Este país está nunha situación económica moi delicada. Con 5.6 millóns de parados e case dous millóns de fogares con todos os seus membros sen traballo as familias teñen que botar man dos aforros para afrontar os gastos correntes: o consumo familiar xa supera, por primeira vez, á renda. Máis dramática é a situación dos mozos: o 52 % dos menores de 25 anos non teñen traballo, a mesma porcentaxe que en Grecia. 

Na vez de mirar para o norte de Europa estamos a seguir a senda de EEUU que ten, segundo Joseph Stiglitz, o nivel de desigualdade máis alta de calquera dos países avanzados. Afirma que na actualidade o soño americano é un mito e “hai unha clara tendencia á concentración de ingresos e riqueza na cima, ao valeiramento das capas medias e a un severo aumento da pobreza”. Recorda que, nos anos 2009 e 2010, o 1% dos estadounidenses con maiores ingresos quedouse co 93% do aumento da renda. Ademáis, durante a recesión, os banqueiros, que arruinaron aos pobres mediante préstamos predatorios e prácticas abusivas e levaron a economía mundial e as propias empresas á ruína, recibiron xenerosas bonificacións. 

Vicenç Navarro entende que cando son os moi ricos os que deciden como se utiliza a riqueza, a sociedade ten  problemas graves, porque non invirten para crear emprego senon para conseguir máis diñeiro, “e como se poden sacar máis cartos das actividades especulativas que das inversións productivas resulta que se crea moi pouco emprego”. Quen debe guiar a utilización da riqueza, evitando os seus usos non sociais, é a cidadanía a través do Estado. Cando o capital estivo regulado e as diferenzas de renda eran menores que agora (1945-1980) o benestar social medrou máis que no período neoliberal (1980-2011), no que o capital puido facer o que quixo. A actual crise é o resultado.
Por eso Stiglitz cuestiona a peculiar “teoría do derramo”, moi extendida nos anos noventa, a cal  defende que enriquecer aos de arriba redunda en beneficio de todos. Segundo esta teoría os bos resultados macroeconómicos favorecen en primeiro lugar aos máis ricos para, posteriormente, ir derramándose ao resto da sociedade. A realidade en América Latina, nos EEUU e agora no sur de Europa demostra ben ás claras que o crecemento económico, por sí só, non mellora as condicións de toda a sociedade senon que mesmo pode afondar nas desigualdades.  

Estas teorías, que son difundidas como verdades científicas, pretenden xustificar o inxustificable: a acumulación obscena da riqueza en poucas mans, a explotación dos traballadores e dos pobres e o saqueo das arcas públicas coa complicidade de certa clase política. Estas aseveracións non son froito da ciencia senon da ideoloxía. O que hai detrás é un xeito de entender a vida, as relacións entre as persoas e organización social. Porque hai unha facción da sociedade situada ideolóxicamente nun momento histórico previo á revolución francesa (“liberté, egalité, fraternité”) que defende a desigualdade dos seres humanos. Teñen nostalxia daqueles tempos en que a sociedade estaba perfectamente clasificada: amos e criados, señores e servos, poderosos e súbditos.
 
Os franquistas Luis Moure Mariño e Gonzalo Fernández de la Mora defenderon a súa posición supremacista, que negaba a igualdade entre as persoas, en dous libros publicados nos anos oitenta (“La desigualdad humana”, “La envidia igualitaria”). Mariano Rajoy (un mozo de trinta anos  que comezaba a súa carreira política) publicou dous artigos en El Faro de Vigo (1983 e 1984), nos que reseñaba eloxiosamente estes textos. Lonxe da ambiguedade na que se instalou máis tarde aquí deixa ben clara a súa interpretación do mundo e revela as liñas mestras do seu ideario. Son as mesmas ideas que inspiran agora a súa actuación política. No primeiro dos artigos o actual presidente do goberno afirma textualmente:

“Este libro constituye una prueba irrefutable de la falsedad de la afirmación de que todos los hombres son iguales (…) La estirpe determina al hombre y es un hecho objetivo que los hijos de ´buena estirpe` superan a los demás (…). La desigualdad natural del hombre viene escrita en el código genético (…). La búsqueda de la desigualdad tiene múltiples manifestaciones: en el ansia de ganar, en la lucha por el poder, en la disputa por la obtención de premios, honores, condecoraciones, títulos nobiliarios (…). Todo ello constituye la demostración matemática de que el hombre no se conforma con su realidad. Es la lucha por desigualarse. Todos los modelos que predican la igualdad (…) son radicalmente contrarios a la esencia misma del hombre, y suprimen el natural instinto a desigualarse, que es el que ha enriquecido al mundo y elevado el nivel de vida de los pueblos (…) La imposición de la igualdad privaría a los más capaces de esa iniciativa más provechosa para todos que la igualdad en la miseria, que es la única que hasta la fecha han logrado imponer”.