lunes, 20 de febrero de 2012

Núñez Feijóo, sindicalista

En Praza Pública


O presidente da Xunta, demostrando o seu pouco aprecio pola función pública, está a adoptar medidas que perxudican de maneira severa aos seus traballadores: reduce de xeito brutal os dereitos laborais e precariza o emprego. Semella estar entregado a unha misión: o desmantelamento dos servizos públicos e o desprestixio dos seus empregados.
Todos sabemos que non é doado conseguir un emprego público. É preciso estudar durante moito tempo temarios extensos e complexos, e hai que superar unhas oposicións esixentes, en competencia con milleiros de opositores. Debemos aceptar, se as cousas se fan ben, que as probas selectivas están ben deseñadas e que conseguen as prazas aqueles que están mellor preparados e son máis idóneos para desempeñar o traballo ao que se opta.
Pero Núñez Feijóo, cando era novo, comezou a traballar na Xunta como funcionario interino e despois fíxose sindicalista. Militaba no sindicato “Afica” (Asociación de Funcionarios Interinos y Contratados Administrativos). Naquel tempo, cando principiaba a democracia, Alberto reclamaba “el acceso a la Función Pública de todos los interinos y funcionarios”, e que se lles asegurara “la estabilidad en el puesto de trabajo”. Tamén esixía “el reconocimiento de los interinos en la ley de los presupuestos generales y el 100% de las retribuciones básicas y complementarias”. En resumo: o xoven Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos.


Mariano Rajoy, aos dous meses escasos da súa toma de posesión como presidente do goberno, ven de impoñer unha reforma laboral que lamina os dereitos dos traballadores e deixaos inermes ante a codicia da patronal. Volvemos a unha situación de inseguridade e desprotección semellante á da primeira metade do século XX. O propio ministro de Economía calificou a reforma laboral de “extremadamente agresiva”. Están a cumplir co prometido. A patronal non tardou de expresar a súa satisfacción.

Aquí xa imos máis adiantados. Nos seus tres anos de mandato,  Núñez Feijóo está a realizar un labor teimudo para desmontar os servizos públicos. O seu plan de recortes aos funcionarios vai ser aprobado no Parlamento galego dentro de poucos días por vía de urxencia. Aquel mozo reivindicativo, que quería un posto de funcionario sen presentarse ás oposicións, agora está a facer, desde a propia presidencia da Xunta -actuando a modo de "cabalo de Troia"-,  unha campaña de descrédito dos funcionarios e adopta medidas que deixan aos empregados públicos nunha situación precaria como nunca tiveran nos últimos tempos. 
Aquí queda o testemuño gráfico do seu pasado (tamén está o seu amigo Carlos Negreira, actual alcalde de A Coruña). Elplural.com publicou estas fotos e non me resistín a reproducilas.


 

miércoles, 15 de febrero de 2012

A Sanidade Pública está en perigo

A Organización Médica Colexial (OMC), que representa á profesión médica de todo o Estado,  ven de expresar a súa preocupación polo futuro da sanidade pública. Nunha declaración conxunta de todos os colexios provinciais afirman que “a profesión médica non debe aceptar recortes no financiamento sanitario que provoquen perdas de calidade na asistencia aos pacientes”. Tamén denuncian “a precariedade laboral e a falta de oportunidades, que obriga aos médicos a buscar traballo fora de España, o que supón un despilfarro económico e intelectual”.

Despois dun longo tempo de silencio cómplice, mentres nas autonomías gobernadas polo PP estaban a desenvolver políticas privatizadoras que provocaron un serio deterioro da sanidade pública -e supoñen unha grave hipoteca para o seu futuro-, agora os representantes da profesión médica claman contra da política de recortes. Mentras Esperanza Aguirre privatizaba a xestión dos hospitais en Madrid non houbo protestas da OMC. Cando en Valencia entregaban a mans privadas a atención sanitaria de máis dun millón de cidadáns, a OMC miraba para outro lado. Cando Feijoo utilizou as tesouras en Galicia para recortar os presupostos sanitarios –por primeira vez na historia autonómica-, os colexios médicos non dixeron nada; había unha xustificación: todo era por culpa da crise. Pero agora, as políticas ultraliberais desenvolvidas polo partido no poder, en connivencia con intereses empresariais, está a producir un dano directo que afecta á profesión médica: despois dunha década de pleno emprego agora hai moitos sanitarios en paro ou con traballo precario; xa son moitos os que están a procurar o seu futuro na emigración: Gran Bretaña, Portugal e mesmo Finlandia están a reclamar médicos e enfermeiros do noso país.

Os colexios médicos de Galicia, controlados pola dereita (agás o de Ourense) non fixeron ningunha crítica á política de despezamento desenvolvida polo goberno de Feijoo, que representa unha seria ameaza para a sanidade pública e para todo o sistema de protección social. Desde hai tres anos diversas organizacións cidadáns e profesionais, integradas en SOS Sanidade Pública, traballan arreo para evitar o desmantelamento da sanidade galega. Nesta tarefa non estiveron os colexios profesionais; pola contra, desde os seus foros e plataformas deron voz aos seus ideólogos (De Guindos, Castellón) para xenerar dúbidas sobre a sostibilidade do sistema e proclamar a necesidade de facelo máis “flexible e productivo”. Agora din estar preocupados polo que ocurre en Valencia, Baleares e Castela-A Mancha e reclaman da Administración que o feito nesas comunidades non se repita en Galicia.

O presidente do colexio de médicos coruñés, Luciano Vidán, -home de Romay desde hai décadas e próximo a Feijoo-, afirma que “adelgazan o sistema de saúde e non sabemos por qué nin para qué”. Acerta no diagnóstico, máis esta declaración ven con moita demora (e xa sabemos a resposta: para xenerar espazos de negocio a costa do diñeiro público). De todos xeitos cómpre felicitarse de que, por fin, os colexios profesionais protesten contra dos recortes en sanidade. Haberá que vixiar no futuro o seu proceder, para ver se actúan en consecuencia ou, como di a FADSP, “só se trata dunha cortina de fume, para tapar o apoio que moitos deles veñen prestando ás políticas privatizadoras”.

miércoles, 8 de febrero de 2012

O descrédito do público

F. Gayoso, Feijoo e Varela, de celebración
A finais de novembro de 2010 os máximos responsables de Caixa Galicia e Caixanova asinaron a acta de fusión desas entidades; dese xeito nacía Novacaixa Galicia, que pasaba a ser a quinta caixa de España. O presidente da Xunta valorou o momento como un fito histórico, como un exemplo para Galicia. A mediados do mes de xuño do ano pasado o xornal La Voz de Galicia situaba na súa portada a boa nova da transformación de Novacaixa Galicia en banco. Na foto da portada aparecían os executivos co sorriso pintado nos beizos. Feijoo auguraba un expléndido futuro para o novo banco e Castellano, presidente executivo da nova entidade, afirmaba abordar este novo reto como un servizo a Galicia.

 Nestes dous momentos non houbo máis que parabéns e palmadas nas costas. Logo xa sabemos o que pasou. A pésima xestión realizada polos dirixentes das Caixas, nas súas diferentes etapas, leváronas a unha situación inviable. Recibiron grandes cantidades de diñeiro público (1200 millóns de euros en 2010 e perto de 2500 en 2011, do FROB) que non abondaron para facer viable o novo banco. Finalmente o Estado tivo que intervir a entidade, tomando o control da mesma en setembro de 2011. Resulta evidente que a xestión dos dirixentes das Caixas foi neglixente e irresponsable; provocaron, coas súas decisións, que Galicia perda as entidades financeiras propias, que desapareza a obra social desenvolvida polas Caixas, e causan un severo perxuicio ás economías particulares que confiaron nestas entidades. Pero abandonaron o barco á deriva (como Francesco Schettino, o capitán do cruceiro Concordia) con indemnizacións multimillonarias. Novagalicia banco plantexa agora o despedimento de 750 traballadores e o peche de 160 oficinas; mentres, o seu presidente tiña unha retribución de 900.000 euros anuais.

O naufraxio do Concordia
A incompetencia dos dirixentes bancarios e a avaricia dos especuladores financeiros son as causas principais da crise. Máis, no relato que se fai dos feitos en certos medios de comunicación, sempre aparecen, ata donde é posible, exonerados de culpa. As novas referidas ao sector financeiro fan sempre contrapeso con asuntos relacionados co sector público, que aparece sinalado co dedo acusador. Hai unha estratexia informativa, perfectamente deseñada nun gabinete de comunicación, que fai coincidir estas informacións cunha intencionalidade ben definida: apuntar cara a función pública como responsable dos males do país.

No mes de xuño, La Voz anunciaba en portada o feliz alumbramento de Novagalicia banco; en páxinas interiores daba conta de que a Xunta iba obrigar aos mestres a dar catro horas máis de clase á semana, controlar o gasto de teléfono dos empregados públicos e reforzar o control das baixas laborais. Máis recente, no primeiro sábado de febreiro, a portada do mesmo xornal anunciou que a Xunta vai rebaixar un 33 por cento a xornada e o salario dos funcionarios que, tamén, deixarán de cobrar os 21 primeiros días que estean de baixa. O obxectivo da mensaxe é claro: os funcionarios poden facer o seu traballo en menos tempo e cun salario menor e, ademáis, utilizan as baixas de forma fraudulenta, polo que non deberán percibir paga cando falten ao traballo por enfermidade. Este plantexamento, demagóxico e falso, actúa como un veleno, inoculado cunha intención ben clara: desprestixiar aos traballadores públicos. Mentres, en páxinas interiores o xornal daba conta de que os responsables das entidades financeiras, seguindo o dictado do goberno, van rebaixar o seu salario. Nun xesto solidario e xeneroso, Castellano pasará a cobrar 300.000 euros e Rodrigo Rato só 600.000 euros ao ano.

Hai unha evidente intención, na construcción deste relato, de sinalar ao sector público como culpable, mentres os responsables bancarios seguen a ser tratados con grande respecto e consideración. Esta campaña de intoxicación informativa,desenvolvida en  colaboración con algúns medios, ten unha clara intencionalidade:  o descrédito do público. A facción ultraliberal que goberna en Galicia tenta buscar novas áreas de negocio para os grupos empresariais e financeiros afíns. Cómpre desprestixiar e deteriorar os servizos públicos para procurar espazos de beneficio privado a costa dos orzamentos. 
Marciano Sánchez Bayle

Os responsables desta campaña repiten, como un mantra, que os servizos públicos son caros e ineficientes, máis non hai constancia algunha nese sentido. No terreo sanitario temos a certeza de que ocorre o contrario. Nun artigo publicado por Sanchez Bayle, no que fai unha análise dos hospitais públicos e privados de Madrid conclúe que “a xestión privada dos hospitais non só non diminúe gastos senón que os incrementa notablemente”. Pero temos a desgraza de estar gobernados por quen renega do público, denigra e ofende aos funcionarios, e actúa como un “cabalo de Troia”, procurando o desgaste e a mala imaxe dos servizos públicos desde o mesmo vértice do poder. Os traballadores públicos non son os responsables da crise e o seu sacrificio non vai repercutir positivamente no benestar da poboación. Pola contra, os países do norte de Europa, que teñen unha grande fortaleza no seu Estado do benestar, son os que teñen unha maior porcentaxe de emprego público. Debemos aprender deles e non dos EEUU, donde Obama non foi quen de facer unha reforma sanitaria que tivese unha mínima semellanza co que temos no noso país. Se deixamos destruir os actuais servizos públicos, que teñen un papel relevante na cohesión e xustiza social, será moi difícil recuperalos no futuro.