O Deportivo da Coruña descendeu
a tempada pasada a segunda división, despois de vinte anos e de vivir os
mellores momentos da súa historia. É difícil recuperar a categoría; son poucos
os equipos que o teñen conseguido no primeiro intento. Mais o Depor tivo a
fortuna de atopar un adestrador competente e traballador que soubo crear a
confianza necesaria na plantilla para afrontar o reto de ascender no primeiro
ano. Nese camiño andan, e cada vez o obxectivo está máis próximo. José Luis
Oltra é un home novo que chegou a Coruña cunha traxectoria profesional
impecable pero curta. Está ilusionado co plantel (“de primeira”, non se cansa
de repetir) e coa actitude da afección, que acude a Riazor en masa e anima con
entusiasmo. Esta sintonía alimenta a autoestima que fixo posible encadear
moitos trunfos consecutivos, situando ao Depor en primeiro lugar e máximo
aspirante ao ascenso.
Oltra naceu en Catarroja
(Valencia) en 1969, e fixo unha curta carreira como xogador. En 2001 iniciou a
súa traxectoria como adestrador. Comezou na sua vila natal, pasou por
Castellón, Levante, Murcia, Tenerife e Almería. No verán de 2011 faise cargo da
dirección do Deportivo, a donde chegou acompañado por Chema Sanz, con quen
forma equipo desde hai anos. Os dous están moi integrados na cidade e teñen a
pretensión, se os resultados acompañan, de continuar nestas terras moito tempo.
Hai un par de meses Oltra participou
nunha charla no colexio Calvo Sotelo, no barrio de Labañou. Acudiron máis de
cento cincuenta persoas desexosas de coñecer a este adestrador que está a xerar
ilusión colectiva na cidade e en toda Galicia co seu equipo. Alumnos do
colexio, pais e nenos das distintas categorías de futbol base
asistiron a esta conferencia. Amosou
unha boa disposición para o debate, e
respondeu coa mesma seriedade a cuestións plantexadas por pequenos e maiores.
Foi correcto e amable, mesmo cando lle plantexaron críticas ao fútbol
desenvolvido polo equipo. Él soubo
responder con criterio deportivo e un chisco de ironía.
Sorprendeume a súa capacidade
oratoria, por enriba do habitual no mundo do fútbol, moi dado ao monosílabo, á
grosería e o exabrupto. Ten un bo dominio da palabra e do escenario e unha
sólida convicción nos seus plantexamentos. Pero agradoume máis o xeito de
entender o deporte de base, a súa convicción de que o fútbol –e calquera outra
actividade deportiva de grupo- ten valor educativo e de formación en valores. Faloulles
destes temas aos pais e aos rapaces e xa, cara o final do debate, un neno fixo a
pregunta definitiva:
-“Qué teño que facer para ser
figura do Depor?”
Despois dunha gargallada
xeral, Oltra tomou a palabra e, con toda seriedade, respondeu:
-“Pois mira, vouche decir o
que debes facer. Tes que obedecer a teus pais, alimentarte ben e procurar un bo
descanso (a xente pensa que ser deportista de élite é unha brincadeira pero hai
que coidarse); tes que estudar moito, ser bo compañeiro, non fallar aos
adestramentos e seguir as indicacións do adestrador; procura facer amigos entre
compañeiros e contrarios; esfórzate: sempre se pode mellorar e hai que procurar
conseguilo; aprende a gañar e a perder con elegancia; o fútbol hai que tomalo en serio pero sabendo que é un xogo: non
é o máis importante da vida; e sobre todo debes disfrutar. Se, despois de todo
esto, algún día xogas no Depor sentiraste moi feliz; se non é así, saberás valorar
o ben que o pasaches con este deporte. Ao final, eso é o que máis importa”.
Penso que non se pode resumir
mellor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario