lunes, 30 de abril de 2012

A saúde para quen a pague



A sanidade pública comezou no Estado español como un seguro colectivo, avalado polas cotizacións dos traballadores. Este modelo cambiou no período da Transición. Desde a Lei Xeral de Sanidade (1986) a saúde pasou a considerarse un dereito universal dos cidadáns. Foi unha importante conquista social  pois estabelecía que a atención da saúde da poboación estaba “orientada á superación dos desequilibrios sociais e territoriais”. Iniciouse un camiño para integrar a todos os colectivos non protexidos co obxectivo de universalizar a asistencia. O sistema nacional de saúde (SNS) é hoxe, 26 anos despois, o máis importante elemento de cohesión e xustiza social. As persoas teñen dereito á asistencia pola súa condición de cidadáns e non pola cotización previa. 

Mais nunha apresurada carreira cara o pasado o PP xa conseguiu levar a sanidade pública á altura da década dos setenta. O goberno de Rajoy vén de aprobar, apelando a unha suposta urxencia -sen trámite parlamentario previo e co apoio exclusivo do grupo popular-, o Real Decreto ley 16/2012,  no que recupera a figura do “asegurado”. As persoas accederán á asistencia sanitaria en función da súa cotización. Voltaremos así á desigualdade de tempos pretéritos, de xeito que os servizos de saúde atenderán só os asegurados e os acollidos á beneficencia. 

A aplicación desta norma, tan inxusta e regresiva, deixará sen cobertura a moitos cidadáns. O PP utiliza a demagoxia para xustificar este drástico cambio de modelo: sinala como motivos a utilización da sanidade por persoas procedentes de Europa que veñen facer “turismo sanitario”, e a sobrecarga producida pola atención aos inmigrantes irregulares. En realidade, estes son fenómenos residuais que non representan unha sobrecarga significativa para os centros sanitarios. Esta argumentación, falsa, indigna e inxusta, non debe agochar a realidade: esta lei sitúa a moitas persoas na desprotección e deixa sen médico e sen medicinas a diversos grupos de cidadáns. Nada pode xustificar que se impoña, con premeditación e alevosía, unha lei tan lesiva para a poboación, negando ante os medios de comunicación o que resulta evidente: suprimen a atención sanitaria a certas grupos sociais. Deixan sen cobertura aos inmigrantes en situación irregular, mais tamén dificultan o acceso aos servizos a outros colectivos: aos mozos maiores de 26 anos non cotizantes, aos divorciados sen ingresos etc. 

Segundo os últimos datos da EPA (Encuesta de Población Activa) en Galiza hai 82.800 fogares con todos os seus membros activos en paro, que tamén terán problemas; de prolongarse a situación terán que solicitar atención cono PSR (persoas sen recursos). E os mozos que superan os 26 anos xa non poden ser beneficiarios da tarxeta dos pais; por tanto, se non están cotizando á Seguridade Social quedarán no desamparo e deberán acudir ao sistema de baixos recursos. Se temos en conta que o 50 por cento da mocidade está no desemprego podemos imaxinar o panorama. Están a condenar a xuventude máis preparada da historia deste país a un futuro laboral escuro (desemprego, traballo precario), pero ademáis, humillados e ofendidos, terán que solicitar atención sanitaria da beneficencia pública pola súa condición de parados e non cotizantes. Ese é o seu modo de facer patria, esa é a maneira que teñen os actuais gobernantes de fomentar a confianza no futuro colectivo.
 
Tampouco é casual -como sinala o profesor Sergio Minué no seu magnífico blog- que, donde había só unha categoría, agora se establezan tres niveis na carteira de servizos do SNS: básica, suplementaria e accesoria. Deste xeito abren a posibilidade de que, nun futuro, o sistema público non se faga cargo de todos os servizos e poderán deixar certas prestacións nas mans das aseguradoras privadas. Só lles falta, para acabar de completar o espazo do negocio, crear un sistema de desgravación fiscal dos seguros privados, reclamada con insistencia pola patronal sanitaria. Non van tardar moito en facelo.

Nesta lei tamén se introduce o copagamento dos fármacos polos pensionistas (sinalados polo PP como salteadores de farmacias que acumulan toneladas de medicinas nas súas casas), limítase o copagamento da ortopedia ambulatoria e do transporte sanitario non urxente (utilizado, entre outros colectivos, polas persoas con insuficiencia renal para acudir á diálise tres veces por semana), exclúense fármacos da financiación pública etc. Todas estas, e outras que non cito, son medidas altamente lesivas para os cidadáns. Mais as claves desta norma están no retorno á esixencia do aseguramento para recibir atención e na exclusión de certos colectivos da cobertura sanitaria, invertindo así unha orientación cara a cobertura universal iniciada hai tres décadas.

O partido gobernante está empeñado en retornar ao pasado, cunha sociedade dividida entre privilexiados e súbditos, e cunha sanidade dualizada: a beneficencia para os pobres e os seguros privados para a casta dirixente. Hai colectivos profesionais que tentan frear esta “contrarreforma” sanitaria e xa plantexan o dereito á obxección de conciencia na aplicación efectiva deste decreto por consideralo inmoral, inxusto e mesmo perigoso en termos de saúde pública. Haberá que actuar con rapidez pois certas medidas, unha vez implantadas, teñen dificil retorno. Está en xogo a nosa saúde colectiva.

2 comentarios:

  1. Me parecen injustas todas estas medidas, aunque soy consciente de que la sanidad necesita una reforma y un control de gastos ,que corresponde a nuestros tecnicos hacerlo , pero no de esta forma. Que averiguen por donde se van los dineros,que utilicen mejor los recursos , infraestructuras dandoles mayor utilidad y aprovechando el tiempo que permanecen paradas por falta de organzacion.

    ResponderEliminar
  2. Eu tamén sigo o estupendo blog de Sergio Minué. Estou de acordo en que, se isto non o remediamos, camiñamos cara a unha sanidade de beneficencia para moitos.
    Hai algo que me parece especialmente oportuno neste post e é a mención dunha "carreira cara o pasado". Iso é evidente. Se os plans de recursos humanos asumen taxas de reposición mínimas ou nulas para moitas especialidades médicas e se os investimentos en adquisición e mantemento de tecnoloxía diagnóstica se reducen claramente, o diagnóstico correcto de moitas doenzas tardará en facerse ou, simplemente, non se fará. Ese é o retroceso. Pasaremos, na práctica, á medicina de hai corenta anos, baseada exclusivamente na palpación. Para os ricos haberá (xa se anuncian cada vez máis) centros innovadores non só en terapias senón en cribados de todo tipo (aínda que sabemos para que serven eses cribados).
    Fálase xa no plan "Innova" de plataformas que substituirán a centros de saúde.
    Sendo médico, vexo que, en prol dunha pretendida eficiencia, se me formula como un dos meus obxectivos anuais facer menos do que fago. Así de simple. Á vez, suxíresenos que acheguemos ideas. Non cabe maior perversión por parte de xestores que lamentablemente tamén son médicos.
    Estamos xa instalados en pleno darwinismo social. Nunca os médicos que aínda vivimos foramos postos tan cruamente ante as implicacións éticas da nosa profesión.

    ResponderEliminar