Hai uns días (17-06-11) “La Voz de Galicia” ocupaba a portada e as primeiras páxinas coa nova da transformación de Novacaixa Galicia (NCG) en banco. Os mandatarios do novo organismo aparecían sorrintes na foto. Un día histórico, unha serena esperanza, o que Galicia precisa (Feijoo): todo eran parabéns e felicitacións. O novo líder da institución aceptou o reto para prestar un servizo a Galicia. O mesmo xornal adicaba as seguintes páxinas a temas menos relevantes. Avisaba de que a Xunta obrigará aos mestres a dar catro horas máis de clase á semana, de que vai controlar o gasto do teléfono dos empregados públicos e tamén vai reducir o número de liberados sindicais. Días despois (22-06-11) a portada trae novas advertencias; a Xunta vai reforzar o control das baixas laborais: da por suposto que son fraudulentas.
Comecei a lectura do xornal pola primeira páxina e sorprendeume a coherencia do relato. Leído así, nese orde, resulta que os responsables das entidades financeiras están a sacrificarse en beneficio do país mentres que os docentes, funcionarios e sindicalistas son os principais responsables das desgracias colectivas: traballan poucas horas, faltan ao traballo sen motivo, non fan máis que falar por teléfono e están excesivamente liberados. A Xunta de Feijoo ten detectado o problema e sabe como afrontalo: aos banqueiros dalle vía libre pero aos traballadores públicos hai que atalos en curto. Segundo este relato os principais responsables da especulación inmobiliaria e da crise financeira aparecen retratados como heroes mentras que o dedo acusador sinala aos funcionarios como culpables de todo. Este diario hai tempo que perdeu a compostura. Xa non está ao servizo da noticia senón da propaganda oficial. Triste destino para unha cabeceira que chegou a ser unha referencia no país.
Con esta intoxicación informativa non se pretende só ofender aos funcionarios: búscase desprestixiar os servizos públicos. Nada é casual: hai unha estratexia ultraliberal que procura degradar o público e xerar espazos de negocio para os mesmos de sempre. Pero debemos mirar ao Norte. Hai que lembrar que España ten unha porcentaxe de 9,5% de empregados públicos, mentras que a UE ten un 16%. Compre saber que canto máis desenvolvido está o estado do benestar, cantos máis dereitos ten a poboación dun país (Suecia, Dinamarca,..), hai máis empregados públicos. O emprego público non é un lastre senón unha garantía para o estado do benestar. Pero a Xunta de Feijoo non acredita nos servizos públicos. A sanidade e a educación públicas están en risco: están a ser atacadas por quen ten a obriga de defendelas e potencialas.